Ourense Cidade

O Psoe reivindica unha solución "urxente" para as crianzas do CEIP As Mercedes

Marina Ortega destaca a “incerteza” ante a negativa da Xunta a renovar o convenio do comedor escolar e denuncia que “non lle ofrecen alternativas aos pais e as nais”

Óscar Gómez

Ourense | 09.09.2020 13:57

Marina Ortega no CEIP As Mercedes
Marina Ortega no CEIP As Mercedes | onda cero ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense compareceu esta mañá ante os medios de comunicación para reivindicar unha solución de carácter “urxente” para os pais e nais das crianzas do CEIP As Mercedes, situado no centro da cidade de Ourense e que se atopan nunha situación de “abandono total” por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Ourense. Os socialistas denuncian a situación de “improvisación, abandono, deixadez e desidia” por parte dos gobernos autonómicos e municipais, que deixan os cativos e cativas deste centro escolar sen comedor a escasos días do comezo do novo curso.

Unha situación que provocou a mobilización inmediata de pais e nais do centro que reivindican que o convenio de colaboración asinado en 2007 para o comedor escolar, que daba servizo a máis de 50 de alumnos do centro, se prolongue un ano máis. Dende o PSdeG afirman que esta situación veuse agravada pola pandemia da COVID-19 e non dan creto a que tanto “a consellería de educación como a de política social non movan un só dedo para dar solucións as familias con nenos neste colexio do centro da cidade de Ourense”.

A deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, sinalou que os socialistas rexistraron nos últimos días varias iniciativas relacionadas coa conciliación e denuncia que “é totalmente inxusto para os pais e nais das crianzas que comezan a escola, que non haxa un plan integral de conciliación e que comece o curso coa incerteza de que acontecerá no caso do peche de aulas ou colexios, ou incluso de que os nenos teñan que cumprir corentena”. A parlamentaria explica tamén que para o grupo socialistas “é fundamental a conciliación” e por este motivo lle solicitan a Xunta “que cumpra con Galicia e dea seguridade as familias”.

Ortega tamén entrou a valorar a situación do CEIP As Mercedes, destacando a negativa da Consellería de Política Social a negociar a renovación do convenio de cesión dun espazo para convertelo en comedor e denuncia que “non haxa solución alternativa por parte do goberno galego”. Os socialistas tamén reivindican no Parlamento Galego a gratuidade de mascarillas nas escolas debido aos problemas económicos que moitas familias están a vivir durante esta pandemia.

Pola súa banda, a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta subliñou a “situación esperpéntica provocada por Alberto Núñez Feijóo e dous conselleiros que deixa a máis de 70 pais e nais sen saber o que vai acontecer co comedor nun momento de plena preocupación a causa da pademia orixinada polo coronavirus”. A deputada ourensá sinalou que “este é outro exemplo máis da desidia e o abandono de Feijóo por esta cidade e que deixa os pais completamente solos no inicio do curso escolar”. Dacosta reivindicou tamén unha “solución urxente” e fixo fincapé no convenio de colaboración asinado en 2007 entre a Xunta de Galicia e as familias do centro escolar e do que agora “os pais e nais nada saben”. A parlamentaria socialista destacou “a posibilidade de artellar unha solución” coa cesión dun espazo na residencia Florentino Cuevillas, sita a carón do centro e subliñou que “solucións hai, pero que simplemente hai que ter ganas de que Ourense funcione”.

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista, Xosé Rúas, destacou que o CEIP As Mercedes “é o único centro escolar 100% público no centro da cidade de Ourense e que conta con 180 alumnos, dos que máis de 50 empregaban este comedor escolar”. O concelleiro socialista apunta tamén a que “se está a vivir unha situación de acoso administrativo e presión por parte do PP para deixar de ofertar o servizo de comedor” e fixo fincapé tamén en que os pais e nais tiveron constancia da non renovación a través dunha chamada da Xunta e que “o Concello nin se dignou a descolgar o teléfono, a pesar de tratarse dun centro incluído na área urbana e do PERI, e por tanto propiedade do propio Concello”. Rúas afirmou tamén que “estamos ante unha situación de improvisación, deixadez e desidia por parte do goberno autonómico e municipal” e denunciou o abandono do goberno da cidade tralas dimisións das concelleiras das áreas de asuntos sociais e educación que segundo apunta “deixa as familias nunha situación de desamparo”. O concelleiro socialista tamén fixo fincapé en que “as crianzas desta escola impórtanlles pouco as loitas internas no goberno municipal” e destacou que “o que acontece neste colexio e unha fiel representación do que sucede no Concello de Ourense, cunha situación de desamparo administrativo total que condena a cidade de Ourense”.