Infraestructuras

O Psoe insta a finalización da AG-31 entre Celanova e Portugal

Os socialistas esgrimen que a construción do tramo entre Celanova e a fronteira portuguesa “compre cos requisitos esixidos polos Fondos Next Generation” e que é unha oportunidade “única” para a provincia

Argumentan que se trata dunha infraestrutura “fundamental” para a “cohesión e conectividade” dos territorios, motivo polo que lle esixen a Alberto Núñez Feijóo e ao Partido Popular que “non lle dean as costas ao desenvolvemento e ao futuro da provincia de Ourense”

Óscar Gómez

Ourense | 11.03.2022 08:01

O Psoe insta a finalización da AG-31 entre Celanova e Portugal
O Psoe insta a finalización da AG-31 entre Celanova e Portugal | La Región

O PSdeG-PSOE de Ourense anuncia que presentará iniciativas no Parlamento de Galicia para que se inclúa a construción da autovía AG-31, dende Celanova ata a fronteira portuguesa, dentro dun PERTE que opte aos fondos europeos para rematar cunha infraestrutura “clave” para o desenvolvemento económico, social e demográfico da comarca da Baixa Limia e da provincia de Ourense, xa que tal e como afirman “compre cos requisitos esixidos polos Fondos Next Generation en materia de mobilidade, reto demográfico e cohesión social”. Os socialistas defenden a finalización desta vía de comunicación e farán unha fronte común cos alcaldes e as forzas económicas e sociais de España e Portugal para que a finalización desta infraestrutura se converta nunha “realidade”.

Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá na sede provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e na que participaron o deputado autonómico, Juan Carlos Francisco; a deputada, Carmen Rodríguez Dacosta; o secretario provincial, Rafa Villarino; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso e voceiros socialistas de varios concellos na Baixa Limia, os socialistas defenderon a “importancia” desta vía de comunicación de alta capacidade pola que levan loitando ao longo dos últimos anos. Argumentan que se trata dunha infraestrutura “fundamental” para a “cohesión e conectividade” dos territorios, motivo polo que lle esixen ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao Partido Popular que “non lle dean as costas ao desenvolvemento da provincia de Ourense”.

O deputado no Parlamento de Galicia, Juan Carlos Francisco Rivera, demandou que a Xunta de Galicia “atenda a unha realidade socio económica e demográfica, que de non ser atendida provocará que a comarca da Baixa Limia quede no esquecemento, no ostracismo e relegada no desenvolvemento territorial e provincial”. Para o parlamentario socialista a finalización da AG-31 ata a fronteira portuguesa “é un investimento fundamental para o desenvolvemento da provincia”, motivo polo que lle esixe a Núñez Feijóo que “remate co abandono da provincia e desenvolva dunha vez proxectos estratéxicos para o futuro de Ourense”.

Francisco Rivera aproveitou para lembrar que este proxecto “leva 13 anos nun caixón e a Xunta de Galicia nada fixo para solucionalo, máis aló de anunciar a apertura dunha fase de información pública do devaluado proxecto da OU-540, na que incluso xa pensaron en eliminar as variantes de Bande e Verea, o que non permitirá nin eliminar o tráfico pesado dos núcleos de poboación, nin recortar tempos”. O parlamentario autonómico afirmou tamén que a comarca “necesita unha autovía que conecte territorios, permita sinerxías económicas e desenvolva unha comarca que senón recibe investimentos públicos, as súas posibilidades de desenvolvemento son nulas porque a perda de poboación estimada nos próximos 15 anos é dun 25%”.

Pola súa banda a parlamentaria autonómica, Carmen Rodríguez Dacosta, puxo o foco nas “promesas incumpridas” e os “anuncios grandilocuentes” de Feijóo, que segundo relatou “non supoñen ningunha aposta estratéxica polo desenvolvemento económico do futuro da provincia”. A deputada socialista destacou que para asentar poboación “necesitamos servizos públicos, que non se pechen os colexios, que haxa atención socio sanitaria e que se constrúan infraestruturas como esta AG-31” e lembrou que a provincia de Ourense “perdeu 38.000 habitantes dende o ano 2000, o que nos sitúa a cola de España”.

Rodríguez Dacosta remarcou que este proxecto estratéxico “non pode devaluarse como pretende facer o PP, xa que o desenvolvemento da comarca da Baixa Limia e da provincia de Ourense depende moito do norte de Portugal”. A parlamentaria socialista esixiulle á Xunta de Galicia que “tome o temón dunha vez dun proxecto viable e que vai reverter en poboación na provincia e cidade e tamén na xeración de emprego” e finalizou indicando que os socialistas “seguiremos reivindicando esta infraestrutura clave para a comarca, a provincia e a cidade, totalmente esquecidas por Feijóo”.

O alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, relatou que “todas as cuestións estratéxicas formuladas dende a Baixa Limia foron desbotadas pola Xunta de Galicia” e destacou como exemplo o Parque Natural da Baixa Limia – Serra do Xurés, “o único parque transfronteirizo da comunidade, o de maior superficie de Galicia e un exemplo vergonzoso de xestión de espazos naturais”. O rexedor do PSdeG-PSOE de Ourense tamén subliñou que “o agravio que padecemos por parte da Xunta é vello e que a capacidade de protesta merma ano tras ano por mor de que estamos no límite de 14 habitantes por metro cadrado”.

Alonso esixiu tamén que se “desbote o parche da Xunta co que pretenden despacharnos” e tildou de “actuación ridícula” as obras da OU-540, xa que segundo relatou “non será unha vía de comunicación que nos abra as portas ao inmenso potencial económico e de poboación do norte de Portugal, como si que fará a construción da AG-31 ata a fronteira”. O alcalde de Entrimo tamén destacou que os representantes das cámaras portuguesas “apostan por materializar esta autovía na parte portuguesa e teñen claro que a saída principal para outros puntos do país é Ourense e máis coa chegada do AVE, polo que redobraron esforzos para finalizar a obra ata o paso da Madalena”.

Por último, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que se trata dun proxecto “con moita historia” e que o Partido Popular “foi devalando ano tras ano, chegando incluso na Deputación de Ourense a pospoñer a realización das variantes de Verea e de Bande”. O voceiro provincial tamén puxo o foco en que Feijóo “dálle a Galicia coa porta nos narices antes de marcha a Madrid” e relatou que “namentres os alcaldes socialistas loitan polo seu territorio, o presidente da Xunta esquécese de Ourense”.

Rodríguez Villarino relatou que “hai unha confluencia de intereses entre Ourense e o Norte de Portugal” e destacou que “é o momento de aproveitar os fondos europeos e os PERTE para que o impulso do PSOE na provincia e dos alcaldes portugueses se transformen nunha realidade en forma dunha autovía que está apoiada por empresarios e cidadáns”. Por último afirmou que “o noso obxectivo é o compromiso coa nosa terra, algo que o PP esqueceu fai moito”.