Ourense Cidade

O Psoe confirma que Jácome perde de novo fondos europeos para rehabilitar a cárcere

“Lamentamos a incapacidade e fracaso de Jácome e do seu equipo de executivo coa perda dunha nova oportunidade de axuda para recuperar, despois de case 40 anos dende que pechou, a antiga Prisión Provincial.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Natalia Gonzalez
Natalia Gonzalez | Onda Cero Ourense

Natalia González recordou que, en xuño de 2022, o executivo de Democracia Orensana presentaba á convocatoria do PIREP Local 2022, un anteproxecto para optar a fondos europeos e poder convertela na nova sede da UNED, segundo afirmaban. “Mais este anteproxecto foi rexeitado porque se entendía que debería haber un proxecto en firme para optar a esa liña de axudas”, destacou a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.

Uns meses despois, en xaneiro de 2023, o goberno de Jácome presentaba outro proxecto de rehabilitación para uso docente e administrativo e destinalo ao mesmo fin para situar alí a sede da UNED ou transformalo nun edificio municipal multiusos, anunciando naquel momento que se iniciarían as obras no 2024. “Presentouse o proxecto e solicitouse financiamento a través de fondos europeos do Goberno de España, pero no mes de abril o MITMA fai pública a resolución e informa da baixa puntuación do proxecto presentado polo Concello de Ourense e resolve deixando fóra da liña de axudas a nova proposta presentada”, incidiu a portavoz.

“O paso seguinte que deu o alcalde foi presentar outro proxecto de rehabilitación do antigo cárcere ao Programa do 2% Cultural, cuxos requisitos pasaban por tratarse de espazos BIC e de protección integral. A memoria, planos e orzamento, nesta ocasión, foi adxudicado a dedo por 18.000 € a un exasesor de Democracia Orensana días antes do peche do prazo de presentación da dita convocatoria”, recorda sobre o último paso dado que tampouco foi aprobado por incumprimento de requisitos básicos e que xa non apareceu na resolución de finais do ano pasado no relativo a esta liña de financiamento.

Entre eses requisitos básicos que descartaron o proxecto está a non acreditación axeitada da declaración de BIC e a non acreditación de xeito conveniente da retención de crédito da participación orzamentaria do Concello de Ourense, segundo relatou a voceira do grupo municipal do PSdeG.

“As e os socialistas lamentamos a incapacidade e fracaso de Jácome e do seu equipo de goberno coa perda dunha nova oportunidade de axuda de Fondos Next Generation para a rehabilitación, despois de case 40 anos dende que pechou, da antiga Prisión Provincial e seguiremos apostando por recuperar este inmoble para a cidade, reinvidicando o seu valor como espazo de memoria histórica”, rematou ante os medios de comunicación.