Concello de ourense

O Psoe alerta do "escurantismo" do goberno coa complicidade do PP na contratación da atleta nigeriana Gezahegne

Os socialistas fan un chamamento a pór “luz” na participación de atletas elite na carreira popular ourensá e piden saber “canto custou a súa participación, de onde van saír as partidas e se se vai pagar”

Óscar Gómez

Ourense | 18.11.2021 12:23

O Psoe alerta do "escurantismo" do goberno coa complicidade do PP
O Psoe alerta do "escurantismo" do goberno coa complicidade do PP | Faro de Vigo

O PSdeG-PSOE de Ourense fai un chamamento a pór “luz” no caso da participación da atleta olímpica, Kalkidan Gezahegne, na San Martiño 2021 e pola que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, se comprometeu a pagarlle un importe que a día de hoxe ningún membro do equipo de goberno foi quen de aclarar. Os socialistas denuncian o “escurantismo” nesta contratación trala reunión do Consello Municipal de Deportes, onde quedou en evidencia a falta de “diálogo” dos membros do equipo de goberno da cidade, despois de que o concelleiro de deportes, Mario Guede, recoñecese que “non sabe nada” sobre o pagamento a esta atleta e a outro participante, o ex atleta olímpico español, Reyes Estévez.

Dende o Grupo Municipal Socialista xa denunciaron hai uns días o “denigrante” comportamento do alcalde, que insultou a varios atletas e menosprezou aos e ás deportistas ourensáns que cada ano son parte “vital” desta carreira popular. Os socialistas cuestionan agora o pagamento a atleta etíope que participou na carreira e critican que o Partido Popular, socio de goberno de Jácome, “bote balóns fóra dende as súas concellerías e aleguen que non teñen constancia de onde van saír as partidas para facer fronte o pagamento das atletas contratadas polo rexedor para participar na San Martiño”.

Os socialistas pídenlle aos concelleiros e concelleiras do Partido Popular que “pidan desculpas” e recoñezan publicamente que “os insultos a atletas, o menosprezo aos deportistas ourensáns, a institución e aos cidadáns” non forman parte do seu proxecto para Ourense. Consideran “inadmisible” que ningún concelleiro e concelleira este ó tanto desta contratación, agás o alcalde, algo que segundo afirman “ é unha mostra do desgoberno existente na cidade”.

Para o concelleiro socialista, Wilson Jones Romero, o “grave é que os concelleiros do equipo de goberno non saben nada desta situación, algo que aos socialistas nos pasma”. “Pásmanos que o alcalde vaia por libre en todo momento e que ninguén asuma responsabilidades e o compromiso de aclarar ao resto da oposición que está pasando neste concello”, apunta o concelleiro do PSdeG-PSOE de Ourense.

Jones Romero tamén fai fincapé en que “é un escándalo maiúsculo que a día de hoxe non se saiba canto custou traer a estes atletas de elite a participar nunha carreira popular, que non haxa constancia de que concellería van saír os cartos e se se vai a pagar ou non”. O voceiro socialista no Consello Municipal de Deportes puxo o foco no intento de Jácome de “disfrazar” a presencia desta atleta na San Martiño como “unha labor de recoñecemento a figura da muller a través dunha contratación que menospreza ás atletas ourensáns e que dende logo deixa claro que isto non é loitar pola igualdade”.

Os socialistas aproveitaron tamén a xuntanza do Consello Municipal de Deportes para esixir que “se corte de raíz” comportamentos coma os de Jácome nesta edición da San Martiño, que “non fan senón denigrar a política na cidade”. Dende o GMS consideran que “non é de recibo que día si e día tamén copemos titulares da prensa por escándalos continuos”. Na xuntanza, tamén aproveitaron para lembrarlle o concelleiro de deportes e presidente do Consello Municipal de Deportes, Mario Guede, que esta institución “é a encargada de realizar e xestionar os eventos deportivos e debe estar ao tanto de este tipo de actuacións”.