Desde a implantación do límite de velocidade en 30 Km./h, en rúas dun sentido circulatorio (maio de 2021), non se produciu ningún atropelo mortal. Levar unha velocidade adecuada podería evitar practicamente unha cuarta parte dos mortos en sinistro de tráfico. O risco de falecemento dun peón se a velocidade do vehículo que impacta é de 30 km/h é dun 10%; se a velocidade é a 50 km/h, ese risco de falecemento elévase ao 90%. A partir de 80 km/h é practicamente imposible que un peón se salve nun atropelo.
A Lei de Seguridade Viaria e o Regulamento Xeral de Circulación fixan a normativa aplicable aos límites xenéricos e específicos de velocidade, velocidade en adiantamento e distancias entre vehículos. O incumprimento destas normas está tipificado como infracción grave ou moi grave, sancionadas con multas de 100 a 600 euros.
O artigo 379 do Código Penal establece que “o que conducise un vehículo de motor ou un ciclomotor a velocidade superior en 60 quilómetros por hora en vía urbana ou en 80 quilómetros por hora en vía interurbana á permitida regulamentariamente, será castigado coa pena de prisión de 3 a 6 meses ou á de multa de 6 a 12 meses e traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días, e, en calquera caso, á de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a 1 e ata 4 anos”.
A Lei do Permiso por Puntos contempla a perda de entre 2 e 6 puntos por este tipo de infracción, dependendo do exceso de velocidade cometido.
A modificación do Regulamento de Circulación no que se recollen os límites de velocidade nas cidades aprobouse en Consello de Ministros o pasado 10 novembro. Para que este cambio fose coñecido pola cidadanía e para que as administracións públicas locais dispuxesen dun prazo suficiente para adaptar a sinalización e/o infraestrutura, estableceuse un prazo de 6 meses desde a publicación do Real Decreto no BOE, para a súa entrada en vigor. Por tanto, desde o 11 de maio de 2021, o límite de velocidade en vias urbanas é de:
20 km/h en vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa.
30 km/h en vías dun único carril por sentido de circulación.
50 km/h en vías de 2 ou máis carrís por sentido de circulación.
A Policía Local de Ourense solicita da cidadanía moita precaución ao volante, sobre todo agora que empezan os desprazamentos estivais e máxima atención á velocidade, dado que ademais dos controis desta campaña sucederanse controis aleatorios durante estes meses.