Medio Ambiente

Plan de recuperación das zonas queimadas no Xurés

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou o parque natural para coñecer en persoa o impacto causado polos incendios forestais que se produciron nas últimas semanas

Óscar Gómez

Ourense | 24.09.2020 08:18

Visita de Angeles Vazquez ao Xurés
Visita de Angeles Vazquez ao Xurés | Onda Cero

O plan de rexeneración da Xunta para o Xurés xa está en marcha. Durante unha visita a unha das zonas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés máis afectada polos incendios forestais do mes de setembro, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou parte do contido deste plan, no que traballarán conxuntamente o seu departamento e o de Medio Rural a través dunha comisión de traballo que acaba de ser constituída.

Entre as principais liñas de actuación, referiuse á elaboración dun estudo sobre o risco de erosión do parque e dun mapa cos distintos tipos de solos, dúas ferramentas que permitirán obter información rápida e útil en caso de incendio sobre as zonas de intervención e as medidas a adoptar para preservar o chan das chuvias, así como coñecer as características de cada solo para avaliar a súa capacidade para soster diferentes clases de vexetación.

Así mesmo, a conselleira incidiu na importancia de impulsar actuacións tanto inmediatas, para evitar a erosión e o arrastre de terra queimada con técnicas como o mulching ou sementes, como a medio e longo prazo, propiciando así a rexeneración natural destas zonas e o control sobre a aparición de especies exóticas. Na mesma liña, Vázquez Mejuto tamén adiantou que se deseñará un protocolo para as repoboacións necesarias neste espazo natural e se reforzará a vixilancia coordinada nas épocas de maior risco de incendios.

O plan, en todo caso, incluirá medidas orientadas non só a actuar naquelas zonas do parque que resultaron recentemente queimadas co fin de garantir a súa recuperación, senón tamén naquelas que xa se están rexenerando desde un punto de vista hidrolóxico e forestal e mesmo en puntos que non se queimaron, co fin de potencialos e evitar posibles lumes.

Así, indicou que tamén se contempla o deseño de pistas estratexicamente situadas, a discontinuidade nas masas forestais a través da creación de áreas cortalumes, ou a posta en marcha dun banco de xermoplasma para reforestar valgadas ou cortalumes naturais pola vía da conservación de especies e variedades ameazadas que axuden a conformar un stock de plantas autóctonas e plenamente adaptadas ás condicións do Xurés.

En todo caso, a conselleira de Medio Ambiente incidiu tamén na importancia de combinar este tipo de medidas de prevención e rexeneración con outras con efectos a máis longo prazo. Neste sentido, asegurou que a Xunta traballa xa no impulso do Xurés como “marca natural”, para o que creará un distintivo propio que avale a calidade deste espazo protexido, e avanzou que tamén se potenciarán as zonas de máis alto valor ecolóxico do parque a través dunha xestión sostible e que preserve a súa singular biodiversidade.

O Xurés será unha das zonas obxectivo da Actuación Integral contra os incendios forestais que deseñará a Consellería do Medio Rural e que incluirá tamén zonas do Macizo Central e de Monterrei. Esta actuación, orientada a ordenar o territorio e coordinar as iniciativas das diferentes administracións públicas e dos axentes privados desde a perspectiva do desenvolvemento rural, púxose en marcha na comisión de traballo, onde tamén se acordou o reforzo do dispositivo de investigación e extinción nestas zonas e a creación de áreas cortalume.

Unha “xoia natural”

Tras lamentar e condenar as accións incendiarias que se rexistraron neste espazo protexido nas últimas semanas, afectando a máis de 2.000 hectáreas, Ángeles Vázquez lembrou que o Xurés é o parque natural máis extenso de Galicia, cunha superficie de arredor de 30.000 hectáreas e que atesoura grandes valores medioambientais.

Por iso, insistiu na importancia de protexer “unha das xoias do patrimonio natural galego” e comezar canto antes coa recuperación das zonas máis afectadas, un obxectivo para o que a Xunta espera poder contar co apoio do Goberno central, ao que pediu que se implique economicamente na execución deste completo plan de rexeneración do Xurés.

Axudas para actuacións en parques naturais

A aposta do Goberno galego pola protección e a conservación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés tamén se traduce nos últimos anos nos esforzos realizados para mobilizar nesta zona importantes investimentos.

Como exemplo, a conselleira referiuse á última convocatoria de axudas da Xunta para financiar actuacións nos parques naturais da comunidade, dotada de 1,4 millóns de euros para o período 2020-2021 e que se resolveron o pasado mes de agosto.

No caso concreto do Xurés, Ángeles Vázquez anunciou que se concederon un total de 73 axudas por un importe de 945.111 euros, un investimento que supón case duplicar a contía concedida o ano pasado a actuacións orientadas á recuperación do patrimonio etnográfico do Xurés e que confirma o compromiso do Goberno galego con este espazo protexido.