A Deputación de Ourense, a través do Inorde, ten de novo en marcha a súa iniciativa para impulsar o itinerario xacobeo Camiño Mozárabe-Vía da Prata para continuar a potenciar o incremento de peregrinos que actualmente vén rexistrando este Camiño Xacobeo.
Esta proposta, consistente en trasladar aos peregrinos en autobús a cada inicio de etapa, con regreso a Ourense ao rematar cada unha delas e co acompañamento dun guía especializado, foi posta en marcha o pasado ano con grande éxito, co obxectivo de achegar o Camiño Mozárabe dun xeito cómodo, doado e asequible para todas as persoas que desexen acadar a Compostela aproveitando os días de Semana Santa.
Así, do 15 ao 19 de abril, ambos incluídos, os peregrinos teñen a posibilidade de realizar este itinerario xacobeo en cinco etapas de aproximadamente 20 quilómetros. Deste modo, ponse en marcha un servizo de transporte para que realicen o Camiño durante a Semana Santa, coa facilidade de que este autobús os levará ao punto de inicio da etapa e os recollerá ao remate para volver a traelos a Ourense. Disporán de tempo suficiente para desfrutar dos diferentes puntos de interese en cada etapa e coa garantía de obter a “Compostela” ao finalizar o itinerario.

