OUFF

O OUFF arranca coa estrea mundial da película Malencolía de Alfonso Zarauza

A estrea mundial deste filme durante a gala de inauguración do festival dará arranque a 10 días de cine nos que Ourense, como plató de cine, volverá a brillar no universo cinematográfico.

Óscar Gómez

Ourense | 21.09.2021 09:33

O OUFF arranca coa estrea mundial da película Malencolía de Alfonso Zarauza
O OUFF arranca coa estrea mundial da película Malencolía de Alfonso Zarauza | ONDA CERO

Malencolía é a película escollida para inaugurar a 26 edición do OUFF (Ourense Film Festival). A estrea mundial deste filme durante a gala de inauguración do festival dará arranque a 10 días de cine nos que Ourense, como plató de cine, volverá a brillar no universo cinematográfico. E é que esta historia de terror pouco convencional foi rodada este mesmo ano en escenarios do Carballiño, Boborás e O Irixo. O filme está producido por Maruxiña Film Company e conta coa participación de Televisión de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense.

Malencolía é o sexto filme do director galego Alfonso Zarauza, o último despois do gran éxito acadado con Ons (2020). Conta con Xulio Abonjo e Melania Cruz como protagonistas, aos que acompañan Iolanda Muiño, X. A. Touriñán, Ledicia Sola ou Tito Asorey, entre outros. Elia Robles na dirección de arte, Alberte Branco na de fotografía, Tamara Soto na dirección de produción ou Fernando Alfonsín na montaxe forman parte do equipo técnico do filme.

O argumento de Malencolía xira en torno a historia de Sira e Pepe, unha parella que despois de 10 anos vivindo en Berlín, deciden tomar unha nova dirección na súa vida regresando a Galicia. Con ese obxectivo, mercarán unha casa nunha aldea que consideran abandonada, pero onde vive unha señora coa que manterán unha estraña relación. A estrea poderá verse na gala de apertura do OUFF do próximo venres, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal.