As obras de acondicionamento, mellora e renovación de servizos no centro de Ourense -desde o Parque de San Lázaro até a contorna das rúas Valle Inclán e Ramón Cabanillas- obrigan ao Concello de Ourense a modificar o tráfico rodado na zona desde o vindeiro luns, 5 de xuño. En calquera caso, os accesos ás vivendas e o paso para os peóns manteranse abertos mediante dúas zonas laterais, coma até o de agora.
Valle Inclán, Ramón Cabanillas e Bedoya
Con motivo da Fase 2 das obras de acondicionamento e mellora das rúas Valle Inclán, Ramón Cabanillas e Bedoya -na intersección con Valle Inclán e Avda. de Bos Aires- , o Concello procederá a realizar cortes de tráfico diversos segundo avancen cada unha das fases, polo que en xeral recoméndase non acceder co vehículo a toda a zona e, no caso de facelo, empregar as diferentes alternativas propostas:
Pecharase o tramo de Valle Inclán comprendido entre o cruzamento coas rúas Bedoya e a avenida da Habana, que seguirán co seu sentido habitual de circulación. Ao tramo afectado de Valle Inclán só poderán acceder os residentes e os servizos de emerxencias, e terán que facelo desde a Avenida da Habana -única vía de acceso e saída-.
A empresa que executa as obras recolocará as zonas de carga e descarga, indicándose con cartelería segundo as afeccións por fases. Igualmente, avisará in situ os horarios de accesos a garaxes. Habilitaranse dous teléfonos de atención á cidadanía e aos comerciantes para poder darlles resposta ás dúbidas ou aclaracións sobre o devir das actuacións: o 988.269.325 e o 988.530.204.
Estas obras están cofinanciadas pola Unión Europea no marco dos fondos NextGenerationEU, Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, e pola Deputación de Ourense.
Rúa do Paseo
Ademais das restricións ao tráfico mencionadas anteriormente, o Concello procederá á pavimentación e renovación de servizos nas rúas Parque de San Lázaro, Xaquín Lorenzo 'Xocas', Bedoya e Cardenal Quevedo. Por este motivo, a rúa do Paseo estará pechada ao tráfico no seu acceso desde o Parque de San Lázaro do luns 5 ao venres 9 de xuño. Os residentes e profesionais do transporte deberán acceder a ela a través da rúa da Concordia.
O Concello de Ourense quere agradecer de antemán a comprensión da veciñanza polas molestias ocasionadas para a mellora das condicións de accesibilidade.