A Consellería do Medio Rural destina este ano máis de 50 millóns de euros a financiar diferentes actuacións preventivas en materia de loita contra os incendios forestais. Así o salientou hoxe a conselleira, María José Gómez, na visita a un punto de auga para carga de medios aéreos e terrestres situado no concello ourensán de Maceda.
Precisamente, Gómez sinalou que o seu departamento ten en marcha a construción de novos puntos de auga nesta provincia, en concreto nos concellos de Muíños, Cualedro e San Xoán de Río, estando previsto o seu inicio neste primeiro semestre do ano. A maiores, tamén está en marcha a redacción dos proxectos para novas infraestruturas deste tipo nos diferentes distritos forestais do territorio ourensán, cun orzamento superior aos 900.000 euros, financiados a través do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027 e cuxas obras se executarán a partir do segundo semestre deste 2025.
Punto de auga de Maceda
Neste caso concreto, explicou a conselleira, o punto de auga de Maceda ten unha capacidade de 432.000 litros e supuxo un investimento de preto de 85.000 euros. Cunhas dimensións de 12m x 12m x 3m, permite tanto a carga de vehículos motobomba como de helicópteros.
Nesta visita, Gómez lembrou ademais a recente presentación de seis máquinas hidrostáticas polivalentes, que serven tanto para prevención como para extinción, e subliñou que catro delas serán para outras tantas mancomunidades municipais da provincia.

