Volta Ciclista a Galicia

Manzaneda será este sábado a capital do ciclismo galego coa disputa da Volta Ciclista a Galicia

A estación de montaña ourensá acolle o 17 de setembro a saída e chegada da terceira tirada da XX edición da Volta, que conta coa participación de 18 equipos.

Óscar Gómez

Ourense | 14.09.2022 09:37

Manzaneda será este sábado a capital do ciclismo galego coa disputa da Volta Ciclista a Galicia
Manzaneda será este sábado a capital do ciclismo galego coa disputa da Volta Ciclista a Galicia | onda cero

A estación de montaña de Manzaneda acolle este sábado, 17 de setembro, a terceira etapa da XX edición da Volta Ciclista a Galicia, con principio e final no complexo de montaña e un trazado de 114 quilómetros por nove concellos do oriente ourensá. Esta competición, que conta coa colaboración da Deputación, conta con 18 equipos e arranca este xoves en Poio, chegando a Ponteareas o domingo 18 de setembro.

Rosendo Fernández resaltou as “connotacións especiais da tirada raíña da Volta Ciclista, que marcará diferencias entre os favoritos da xeneral” e enmarcou esta cita dentro da “forte consolidación de Ourense no mundo do ciclismo”. O vicepresidente primeiro da Deputación tamén destacou o “caracter estratéxico do ciclismo para a Deputación, unha aposta fundamental do goberno provincial dentro da ampliación e mellora do ecosistema deportivo de Ourense, que permite ao noso territorio acoller probas deportivas do máis alto nivel”.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, definiu a Volta Ciclista a Galicia como “unha das referencias estatais na categoría semi-profesional” e avanzou unha “edición moi especial, que resaltará a beleza natural de Galicia”, sinalando que a tirada de Manzaneda será “unha etapa espectacular, cun acumulado de máis de 3.000 metros de desnivel”. Juan Carlos Muñiz tamén agradeceu na súa intervención a “aposta da Deputación de Ourense polo ciclismo”.

Pola súa banda, o director da estación de montaña de Manzaneda, Víctor Picos, destacou que o complexo “está perfectamente preparado para acoller unha etapa de primeiro nivel e invitou a todos a pasar o día no complexo de montaña e en toda a comarca.

O delegado da Xunta, Gabriel Alén, valorou a importancia da “cooperación institucional, como motor que fai que estes proxectos vaian adiante” salientando “tanto o importante traballo da Federación Galega de Ciclismo como o realizado na estación de Manzaneda, que pon en valor un dos grandes potenciais que temos na provincia de Ourense”.

Recorrido por nove concellos do oriente ourensán

A terceira tirada da 20ª Volta Ciclista a Galicia disputarase o sábado 17 de setembro, con principio e final na estación de montaña de Manzaneda, a 1.484 metros de altitude e tras superar durante case 12 quilómetros un desnivel de preto do 7 %, trazado que converte a esta xornada na etapa raíña da carreira.

Ás 11,55 horas está prevista a saída neutralizada desde a estación, iniciándose a etapa real ás 12,30 horas. O trazado de competición ten unha distancia de 114,2 quilómetros que discorren por nove concellos do oriente da provincia -Trives, Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín, O Barco, A Veiga, O Bolo e Manzaneda-, estando prevista a chegada de novo ao complexo de montaña en torno as 15,30 horas.

O trazado abarca dúas metas volantes, no Barco e na Veiga, a subida ao Alto da Portela -de segunda categoría-, a Soutipedre -segunda categoría- e a ascensión final á estación de montaña de Manzaneda -primeira categoría-.