Unha actuación que, segundo explicou o delegado territorial, forma parte das intervencións arqueolóxicas que para o ano 2025 promove a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a través do seu servizo de Arqueoloxía, destinadas ao coñecemento, conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Galicia.
O delegado territorial explicou que neste xacemento castrexo estanse a desenvolver traballos de investigación e documentación dunha área aproximada duns 60 m2 coa finalidade de ampliar a escavación na zona da torre e caracterizar axeitadamente a totalidade dos recintos e estruturas documentadas na campaña anterior. Tamén se levará cabo o levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D e un estudo pormenorizado dos materiais arqueolóxicos mobles recuperados, o tratamento dos mesmos e o depósito no museo correspondente.
Aproveitando a súa visita, Manuel Pardo destacou o esforzo inversor da Consellería de Cultura Lingua e Xuventude na provincia de Ourense; “proba disto -resaltou o delegado territorial- son os 2,8 M€ contemplados nos orzamentos de 2026 para levar a cabo actuacións de restauración na Catedral de San Martiño de Ourense que, ao abeiro do Plan catedrais de Galicia, eleva o investimento total feito neste ben ata os 6,3 M€ desde o ano 2009”.
Nesta liña tamén subliñou que as intervencións que se van a levar a cabo na basílica ourensá, correspóndense coa liña de traballo do Goberno galego destinada a garantir que os bens máis senlleiros da Comunidade estean nas mellores condicións de conservación e mantemento, concretamente con aqueles bens vencellados ao Camiño de Santiago.
O representante do Goberno puxo en valor “a importancia de conservar e poñer en valor o noso patrimonio cultural que é un dos principais sinais que procuran identidade de pobo”. “O patrimonio é unha oportunidade para todos, para o seu aproveitamento cultural, a súa proxección exterior e para fortalecer a marca de país”; concluíu.

A Fraga Raxada
O xacemento altomedieval da Fraga Raxada, sitúase na parroquia de A Cela, Lobios. Trátase dun tipo de asentamento, ata hoxe pouco estudado, propio da Alta e Plena Idade Media, caracterizado por construcións de marcada rusticidade adaptadas á propia orografía granítica do terreo. A súa singularidade aumenta coa presenza dunha fortificación de fundación e nome incertos. Ambos, torre e aldea, por agora ausentes nas fontes.
A tradición oral sitúa no cumio máis elevado da Fraga Raxada a chamada “Casa dos Mouros”, que os veciños de A Cela identifican cos restos dunha antiga torre cun amplo dominio visual sobre os vales do Salas, Limia e Arauxo.

