Manuel Pardo subliñou que a riqueza natural de Ourense favorece a creación de experiencias de turismo activo ou deportivo, un modo de viaxar que adoita transcorrer en espazos naturais e en estreito contacto coa natureza. Tamén manifestou que nestas dúas xornadas “ dáse a coñecer a provincia como destino activo e saudable que ofrece multitude de opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre e, ademais, animamos a practicalas a todo o mundo”.
O representante do Goberno galego puxo de manifesto que o vínculo existente entre o deporte e o turismo, é unha oportunidade estratéxica a prol do turismo rural, xa que pode intervir como xerador de rendas complementarias e estabilizador demográfico no mundo rural e pode acadar un papel destacado no mantemento e a conservación do medio natural en moitos lugares, xa que contribúen e facilitan os intercambios culturais en moitas pequenas poboacións.
Tamén reiterou que o turismo activo, ademais de ser unha fonte de ingresos económicos, ten un impacto directo na cohesión social e na integración cultural. Os turistas que nos visitan non só gozan de nosas paisaxes e as nosas actividades deportivas, senón que tamén teñen a oportunidade de coñecer as nosas tradicións, a nosa gastronomía e a nosa hospitalidade.

VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte
VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte contará coa participación de 20 expertos que analizarán o potencial e a influencia do deporte na oferta turística dun destino a través de tres bloques.
O primeiro centrarase na accesibilidade e a inclusión abordándose dende a perspectiva teórica e profesional, coa participación de expertos en turismo accesible; o segundo, a través dun obradoiro de financiamento deportivo, se analizarán as vías de captación de patrocinios públicos ou privados como un dos temas que máis preocupan aos organizadores de eventos deportivos; e o último bloque estará dirixido aos concellos que aposten polo turismo activo, deportivo e de natureza, e que poñan en práctica políticas enfocadas á actividade deportiva dos seus habitantes co obxectivo de converter aos municipios en ximnasios.

