Máis de 150.000 alumnos comenzarán as cleses este mércores
Aínda que o alumnado é practicamente o mesmo ca o curso pasado, a Consellería incorpora este ano 1.107 profesores máis para ESO Bachirelato e FP
Un total de 150.141 estudantes comezarán a partir do vindeiro 23 de setembro –de xeito gradual por mor da pandemia da covid-19– as clases na educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato e ensinanzas de réxime especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Cómpre lembrar que as cifras de matriculación son moi similares as do curso 2019/2020 e non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en secundaria. Ademais, esta cifra non inclúe os datos de matriculación en Formación Profesional, ensinanzas nas que aínda é posible matricularse.
A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se ditan instrucións sobre o comezo do curso académico 2020/2021, a través das que se dota de seguridade xurídica ás últimas decisións tomadas neste eido, principalmente o adiamento do inicio do curso en Secundaria, a nova distancia xeral de seguridade de 1,5 metros e a opción da semipresencialidade. Cómpre lembrar que todas estas medidas foron acordadas tras a reunión conxunta da Conferencia Sectorial de Educación e do Consejo Interritorial del Sistema Nacional de Salud (o pasado 27 de agosto), da reunión do Consello Escolar de Galicia (o 9 de setembro) e do encontro coa Xunta Autonómica de Directores, os representantes dos centros de Secundaria e os xefes da Inspección educativa nas catro provincias (o pasado 11 de setembro).
Calendario
No que atinxe ás datas concretas do regreso gradual ás aulas, o 23 de setembro volverán os alumnos de 1º e 2º de ESO e os de 1º de Bacharelato, 1º de FP de grao medio e 1º de FP de grao superior e as ensinanzas básicas de educación para persoas adultas polas modalidades presencial e a distancia. O día 24 de setembro farano os de 3º de ESO, de 2º de Bacharelato, 2º de FP de grao medio e 2º de FP de grao superior. Finalmente, o día 25 incorporarase o alumnado de 4º de ESO, e todos os cursos de FP Básica.
No caso das ensinanzas de réxime especial, o alumnado das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño e das deportivas incorporarase nas mesmas datas establecidas para os estudantes de FP. O alumnado das demais ensinanzas de réxime especial incorporarase a partir do 23 de setembro de acordo cos calendarios de organización e funcionamento dos centros.
Contratación de profesorado
Malia manter practicamente o mesmo número de alumnado, o curso comeza coa incorporación de arredor de 2.000 novos profesores ao sistema de ensino público, o que supón un incremento do 6,2% sobre a plantilla total de profesorado para este curso.
Dos preto de 2.000 novos profesores, 1.107 serán para as etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional (847 para reforzar as medidas de seguridade contra a covid e 260 que se incorporan para atender o incremento de oferta); 240 son para Infantil e Primaria (que xa están contratados e traballando nos centros) e 543 son novos docentes de apoio a través do programa ARCO de reforzo educativo (221 para Primaria e 322 para Secundaria).
Outras medidas
Cómpre lembrar que, a maiores do reforzo do profesorado, a principal para garantir a seguridade sanitaria e a calidade educativa nos centros, a Xunta de Galicia tomou outras adicionais para facilitar a xestión e organización do inicio do curso nos centros de Secundaria, tales como o devandito adiamento nunha semana do comezo do inicio das clases, a opción de solicitar a semipresencialidade para Bacharelato e FP o incremento das accións formativas dirixidas a profesorado e alumnado en materia hixiénico sanitaria, ou a posibilidade de instalación de mamparas protectoras en aulas e talleres, todas elas recollidas na Orde publicada no DOG.
Neste sentido, a orde indica que, de non ser posible manter a distancia de seguridade indicada para estas etapas, (e non puidesen atoparse outras solucións como a retirada de material ou o uso doutras aulas máis amplas), previa autorización da inspección educativa, poderá optarse por opcións como o desdobre do grupo de alumnos (xa realizado nas últimas semanas), a instalación de mamparas ou separacións que garantan a protección individual do alumnado ou os desdobres do grupo de alumnos, ou a semipresencialidade rotatoria (agás na ESO). Tamén se especifica que nos talleres de formación profesional e ensinanzas de réxime especial, cando proceda, se adoptarán medidas de seguridade usando pantallas de protección facial.
No referido á semipresencialidade, a orde indica que a actividade lectiva será presencial con carácter xeral para todos os niveis e etapas do sistema educativo, con prioridade para o alumnado de menor idade e que, excepcionalmente, poderán impartirse semipresencialmente as ensinanzas de bacharelato, formación profesional, así como as ensinanzas de réxime especial. Ademais, a orde recolle a realización de accións formativas para o profesorado, tanto no relativo ás ferramentas tecnolóxicas para docentes como ás ferramentas institucionais para o ensino mixto.