O Teatro Principal de Ourense acolleu o acto de entrega do Premio Ourensanía 2025 a Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, pola súa profunda e constante vinculación coa provincia.
O presidente da Deputación, Luis Menor, puxo en contexto o Premio Ourensanía subliñando que este galardón é unha homenaxe ás persoas que co seu traballo, esforzo e compromiso fixéronse merecentes do recoñecemento desta provincia, distinguindo “esa identidade tan propia”. Nesta liña, Luis Menor destacou que Rafael López recibe este premio como “recoñecemento a túa valía e ao orgullo das túas orixes”, e coa intención de que “sintas que a provincia che está a devolver un pouquiño do moito que ti tes entregado aos demais”.
O presidente provincial fixo un repaso pola traxectoria persoal de Rafael López, nado en Vilamartín de Valdeorras, sinalando que “non perdiches a esencia de quen es”, unha persoa cuxo “único e principal motor é salvar vidas, non buscar recoñecementos”. O galardoado encarna o espírito que define aos ourensáns, ao ser quen de “compaxinar unha carreira profesional de éxito coa humildade que tanto o caracteriza”, salientou Menor, quen lembrou que as súas orixes familiares xa deixaron nel unha fonda pegada e arraigo pola nosa terra.
Sobre a carreira profesional do premiado, Luis Menor afirmou que seguirá a ser “protagonista na historia de moitas persoas e na historia de moitos avances clínicos que, estou seguro, están por chegar”. Así, Rafael López “encarna a esencia deste galardón porque sentimos orgulloso, como pobo, de contar cun ourensán que rescata vidas desde a investigación médica”. Un labor que exerce desde Santiago, pero coas “portas sempre abertas aos ourensáns que o precisen”.
Desexou que este merecido recoñecemento sexa “unha nova inspiración e motivación para seguir avanzando na túa maior meta na vida: na loita contra o cancro e na mellora da calidade de vida das persoas”.

Ourense, “unha identidade que nos acompaña alí onde vaiamos”
Tras recibir o Premio Ourensanía 2025 -representado nunha escultura de bronce do artista Xosé Cid-, Rafael López agradeceu a oportunidade que lle brinda esta distinción para “volver mirar á miña terra co corazón na man, con emoción”, aínda que tamén con tristura logo da vaga de lumes deste verán. Afirmou que o galardón é un orgullo á hora de representar á provincia, porque en Vilamartín aprendeu “o valor do esforzo cos meus pais e que a terra dá froitos se se coida, se respecta e se ama”.
Con palabras para a súa outra paixón, a familia, tamén recolleu na súa intervención as palabras de Otero Pedrayo, “Galicia é unha patria que se leva na alma”, para engadir que “Ourense, no corazón” porque esta terra é “unha forma de estar no mundo, unha identidade que nos acompaña alí onde vaiamos”.
Dirixiuse á mocidade para que opte polo “esforzo e o talento”, entendendo que o fracaso “forma parte do camiño e da aprendizaxe”. Un futuro que deben escribir sen “esquecer as súas raíces” afirmando que ser ourensán é “levar nos xenes o esforzo, a esperanza e a dignidade”.
Cada avance contra o cancro, cada investigación, cada logro, “leva consigo o orgullo de representar a esta provincia”, engadiu o premiado, que tivo palabras de agradecemento para as súas compañeiras e compañeiros “que compartiron comigo ideas, esforzos, noites sen durmir, ilusións e tamén decepcións”.
Rafael López finalizou facendo un chamamento á aposta pola investigación e innovación asegurando que é “o único camiño” para poder mellorar a calidade de vida das persoas, así como a única vía para asegurar a “sustentabilidade da nosa sociedade” porque “a ciencia é unha necesidade, non un luxo”.
A gala contou cun apartado musical, a cargo do cantante e compositor ourensán Borja Quintela, e a participación da Real Banda de Gaitas da Deputación que pechou o acto co himno galego.

