O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou a sede da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense, onde asinou dous convenios de colaboración co presidente de dita entidade, Germán Rodríguez-Sáa, para reforzar a cooperación na loita contra o cancro na provincia.
Trala visita, o presidente da Deputación que asinou no libro de honra da entidade, puxo en valor a nova sede reformada cunha axuda da institución provincial e que simboliza o crecemento que está a vivir a AECC, pasando nestes catro anos dun orzamento de 400.000 euros a 1.200.000 euros, de 3.000 socios a 6.000 e de 90 voluntarios a 250.
Nesa liña de traballo da Deputación de chegar “a onde non chegan as outras administracións, achegamos o noso gran de area que é clave para que moitos proxectos, como este, saian adiante”, explicou o presidente provincial. Neste sentido, Menor lembrou que o goberno provincial está a traballar “con todas as asociacións que teñen un compromiso coa provincia e a AECC é unha delas”.
Ao fío disto, Luis Menor dixo que comparten o mesmo ADN entre ambas institucións que traballan para garantir que os servizos cheguen a todos os lugares e a todos os pacientes oncolóxicos con independencia da cantidade de persoas afectadas é “salvagardar os dereitos de todos os cidadáns con independencia de onde vivan”.
Ademais, o presidente da Deputación agradeceu á AECC que reivindique xunto a esta institución e á veciñanza, a supresión de paradas de tren na Gudiña, unha circunstancia que está a afectar aos pacientes oncolóxicos do territorio e está a supoñer un “ataque á saúde da provincia”.
Pola súa parte, o presidente da AECC de Ourense explicou que a sinatura destes dous convenios permitirán “incrementar a nosa política de prevención dentro dun plan estratéxico provincial” e “chegar a todos os municipios sen distinción” grazas á “institución de todos os ourensáns e ourensás”.
Nun repaso polos últimos anos, o presidente da AECC de Ourense fixo especial fincapé nun fito “histórico” porque “obtivemos a primeira axuda da Fundación Científica da AECC a nivel nacional para investigar desde Ourense”.

Convenios para reforzar a prevención e colaborar para que os servizos desta entidade cheguen a toda a provincia
No primeiro convenio, a Deputación comprométese a colaborar na difusión da campaña posta en marcha pola AECC para dar visibilidade á condición de “Espazos sen fume” de instalacións e establecementos. A través do mesmo, determínanse como novos espazos se fume as seguintes áreas de titularidade da Deputación: os arredores do parque infantil Cachamuíña no Pereiro de Aguiar; e as zonas verdes da área do Salgueiral en Leiro e as de Muíños, nos arredores da zona Depuradora.
Ademais, a institución provincial promoverá, con este obxectivo, que o organismo correspondente dite a normativa necesaria para a prohibición de fumar nas súas instalacións exteriores, mentres que a Asociación facilitará todos os recursos e ferramentas para sinalizar estes espazos.
O segundo convenio asinado reflexa a colaboración de ambas entidades a prol da loita contra o cancro. Con este fin, a Deputación apoiará accións da asociación enfocadas a informar e concienciar e a promover hábitos de vida saudables para a prevención do cancro, así como noutras actividades que sexan beneficiosas para os afectados pola enfermidade ou teñan como finalidade a prevención do cancro.
Así mesmo, co obxectivo de chegar a toda a provincia, a Deputación informará dos diferentes servizos que presta a AECC a todos os usuarios que necesiten asistencia en materia oncolóxica.

