Concello de Ourense

Jacome buscará que Ourense sexa sede da futura Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial

A dispoñibilidade do Concello para ceder La Molinera como sede do or-ganismo é un dos activos cos que xa conta o reitor da Universidade de Vigo.

Óscar Gómez

Ourense | 09.09.2022 08:07

Jacome buscará que Ourense sexa sede da futura Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial
Jacome buscará que Ourense sexa sede da futura Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial | onda cero

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu na Casa do Concello unha delegación da Universidade de Vigo, encabezada polo reitor, Manuel Reigosa, ao que lle trasladou a vontade do Concello de apostar pola cidade como sede da futura Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial, que prevé crear o goberno central. Con esta finalidade, o alcalde promoverá unha declaración institucional, que quere consensuar con todos os grupos políticos tanto no Concello como na Deputación, para trasladarlle ao goberno do Estado a demanda unánime de todos os grupos de que Ourense sexa a sede desta nova entidade.

O alcalde lembra que esta proposta xa recibiu o respaldo de todos os grupos municipais a través das mocións que presentaron diante do Pleno do Concello os grupos políticos de DO e PSdeG_PSOE, polo que, explica o rexedor, “cremos que todos os grupos deberiamos apoiar esta declaración”.

Pérez Jácome destaca que “Ourense está moi ben posicionada, porque o Concello, sempre en coordinación coa Universidade de Vigo, ofreceu ademais o espazo de La Molinera como sede da nova entidade”. Amais, subliña, “sería para xa: chave en man”, dado que se trata dun edificio xa construído con capacidade para acoller sen demora este novo organismo.

Advirte tamén o alcalde que Ourense “encaixa nos criterios que está buscando agora mesmo o Estado español, que é descentralizar, fixando o seu obxectivo en cidades dun tamaño parecido a Ourense”. Pon o acento tamén Pérez Jácome en que a nova instalación, que contará inicialmente con 100 postos de traballo, suporía un importante elemento de dinamización para Ourense, “unha cidade que realmente necesita recibir dotacións coma esta. A Ourense viríalle como anel ao dedo, porque representa sen lugar a dúbidas o que poderiamos chamar a Galicia baleirada. Nese sentido, necesitamos un punto de inflexión, polo que o Estado español debería apostar claramente por Ourense”.