Pedro Blanco puxo en valor o esforzo do Ministerio de Transportes nesta campaña, que impulsa a seguridade nas estradas da súa titularidade da rede viaria galega con máis de 450 profesionais, 103 máquinas quitaneves, 20.000 toneladas de sal e 3.236.000 litros de salmoira. A cantidade de sal e de salmoira corresponden ás provisións iniciais e repoñeranse a medida que discorra a campaña invernal.
“Estamos a poñer todos os medios dispoñibles para asegurar que as estradas estatais en Galicia estean preparadas ante as condicións meteorolóxicas máis adversas”, incidiu o delegado, quen agradeceu a todos estes profesionais “o seu esforzo e implicación” en prol de todos os galegos e galegas. Fixo fincapé na coordinación e planificación necesarias para acadar con eficacia a meta principal deste plan: “A máxima seguridade e confianza para quen se desprace por Galicia nos vindeiros meses”.
O obxecto do protocolo é establecer a organización e os procedementos de actuación dos servizos, medios e recursos da Administración Xeral do Estado dispoñibles no ámbito de Galicia e que, ante a predición de precipitacións en forma de neve ou outras situacións climáticas extremas, resulte necesario mobilizar para asegurar a correcta circulación na Rede de Estradas do Estado, reducindo en todo o posible o número de tramos con restricións ao tráfico e evitando as retencións de vehículos ou, no seu caso, minimizando a súa duración ante fenómenos climatolóxicos adversos.

O ámbito de actuación deste protocolo abarca o 2.500 km que compoñen a Rede de Estradas do Estado en Galicia sumando autoestradas (AP-9 e AP-53), autovías e estradas convencionais. O documento especifica os procedementos de actuación e coordinación que se poñerán en marcha diante dunha predición meteorolóxica adversa e durante o seu desenvolvemento, coa definición dos mecanismos particulares de cada fase da mesma: alerta, preemerxencia e emerxencia. Tamén se especifican os mecanismos de información, coordinación e cooperación cos órganos e autoridades da Xunta de Galicia e das distintas administracións locais. O persoal dedicado componse de 252 condutores especializados en quitaneves, 87 encargados e técnicos, e co apoio de 123 operarios máis, que manexan este tipo de maquinaria.
Ademais, o Plan determina os tramos de estradas que poden resultar máis conflitivos en caso de nevadas, os Postos de Mando Avanzados que se establecerán; as zonas para estacionamento de vehículos pesados e lixeiros, en casos de peche ou restricións de tráfico, e os Centros de Conservación e Explotación onde se sitúan as máquinas quitaneves e outros equipamentos.

