Paro Galicia

Galicia liderou en novembro a caída do desemprego en España

En Galicia cae o desemprego nas comparativas anual (-8,35%) e mensual (-1,60%) a un maior ritmo que en España, sendo en porcentaxe a primeira comunidade na que máis baixa na comparativa mensual.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Galicia liderou en novembro a caída do desemprego en España
Galicia liderou en novembro a caída do desemprego en España | Onda Cero

Galicia rexistrou, con 111.572 persoas, a cifra de paro máis baixa nun mes de novembro desde que hai rexistros (1996) e suma 19.516 novas afiliacións á Seguridade Social en relación con novembro de 2024, acadando o mellor novembro con 1.100.638 cotizantes e manténdose por riba dos 1.100.000 desde xuño. Así o destacou hoxe o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, na valoración das cifras relativas ao pasado mes.

Pablo Fernández destacou que en novembro se rexistraron 10.170 persoas desempregadas menos que no mesmo mes de 2024, o que se traduce nunha redución do -8,35 %, máis de dous puntos de diferenza en relación ao conxunto do Estado (-6,23 %) e situándose Galicia como a segunda comunidade na que máis baixa o paro en porcentaxe. Engadiu que tamén baixa o paro a nivel intermensual (-1,60 %), tamén a un ritmo maior que a media estatal (-0,77%), sendo neste caso Galicia a comunidade autónoma de España na que máis cae o desemprego en porcentaxe.

En relación coa comparativa anual, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais destacou que o paro baixa nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade, liderando a baixada o primario (-12,19%), seguido da industria (-11,46%), da construción (-10,98%) e, por último, dos servizos (-7,39%).

No relativo aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como dos menores de 30 anos e dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de novembro de toda a serie histórica (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de 5.597 persoas (-7,92%), no caso das persoas desempregadas menores de 30 anos, hai 498 menos (-3,57%) e 6.185 menos en relación cos parados de longa duración (-10,07%).

Neste sentido, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais sinalou que estes resultados avalan as políticas activas de emprego da Xunta na procura dun mercado laboral activo, consolidado e que xere empregos de calidade.