O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor esta mañá a rede Mercaproximidade, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta, que axudou a 640 marcas e produtos do sector primario a saír ao mercado durante a pandemia, ao non poder comprarse nas feiras locais, nin consumirse nos restaurantes ou establecementos de hostalaría.
Durante unha visita ás novas instalacións do Grupo Cuevas, no Polígono de San Cibrao das Viñas, Feijóo salientou que a posta en marcha desta canle xunto á colaboración de grandes distribuidoras, fixo posible trasladar produtos de proximidade ás baldas dos supermercados. Non en van, con esta iniciativa, a Xunta intermediou para que 282 marcas de bebidas; 175 produtos cárnicos; 63 produtos lácteos; 68 produtos de orixe, como castañas, cogomelos, patacas, cereais ou conservas; e 52 produtos doutro tipo como pan, mel, ovos, aceite e doces, ocuparan un espazo nas grandes superficies.
Nesta liña, resaltou e agradeceu o compromiso de Cuevas, cuxa cadea de supermercados prestan servizo a máis de 23.000 habitantes do rural e inviste unha media de máis de 80.000 euros ao día na compra a provedores galegos e en orixe.
O responsable do Executivo galego aproveitou o acto para reeditar o compromiso da Xunta coa internacionalización. “Abrir os produtos de Galicia ao mundo seguirá a ser unha das prioridades deste Goberno”, dixo, valorando o comportamento “razoable” das exportacións durante a pandemia, en boa medida grazas a sectores como o da automoción, pero coa contribución fundamental doutros como o agroalimentario.
Sobre este punto, Feijóo destacou a aposta do Grupo Cuevas pola internacionalización dos seus produtos, chegando a exportar a 30 países, entre eles, Arabia Saudita, Exipto e Sudáfrica. “Estamos a falar dunha empresa que leva exportando desde hai case oitenta anos”, dixo.
O presidente da Xunta incidiu en que a historia de Cuevas é unha historia de logros e fitos, referíndose, a modo de exemplo, á venda de castaña conxelada a Asia ou á comercialización pioneira en España do marrón glacé, nos anos 70.
En relación a este produto, aseverou que a Administración galega seguirá impulsando esta especie con actuacións, a través do novo Plan forestal, como: a recuperación de soutos tradicionais en produción; e a creación de novas superficies de soutos para producir castaña e madeira, co obxectivo de xerar 16.000 novas hectáreas en 20 anos. Todo isto baixo a previsión de elaborar en 2025 o Plan estratéxico do castiñeiro de Galicia.
Feijóo concluíu subliñando que as novas instalacións de Cuevas están situadas no Polígono de San Cibrao da Viñas, o gran pulmón industrial da provincia, no que están asentadas máis de 450 empresas e máis de 8.500 empregados.
Un polo importante no que a Xunta executou melloras recentes, como a conexión coa A-52, e que seguirá impulsando coa ampliación en máis de 420.000 metros cadrados do polígono; un proxecto que conta nos orzamentos deste ano cunha partida para avanzar nel.