Turismo

Eladio Santos salienta en Entrimo o impulso do Goberno ao turismo no rural

O subdelegado destacou que este proxecto reflicte o compromiso do Goberno de España co reto demográfico e co futuro do rural da provincia de Ourense.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Eladio Santos salienta en Entrimo o impulso do Goberno ao turismo no rural
Eladio Santos salienta en Entrimo o impulso do Goberno ao turismo no rural | onda cero

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, salientou en Entrimo o impulso do Goberno de España ao turismo no rural da provincia de Ourense. Fíxoo durante unha visita ás obras de rehabilitación do antigo casino da localidade para convertelo nun aloxamento turístico e aumenta a oferta hoteleira da zona.

Eladio Santos explicou que esta actuación está enmarcada no Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP) da Secretaría Xeral de Axenda Urbana, Vivenda e Arquitectura, no que o Concello de Entrimo recibiu unha axuda de 601.355 euros, con cargo aos fondos del Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Goberno.

O subdelegado supervisou o avance da intervención, que suporá “un impacto directo no desenvolvemento turístico da zona”. “Este novo aloxamento posibilitará o impulso ao camiño Miñoto Ribeiro, o que atraerá novos peregrinos a Galicia e contribuirá a dinamizar a economía local”, indicou.

Santos destacou que este proxecto reflicte o compromiso do Goberno de España co reto demográfico e co futuro do rural da provincia de Ourense. “Iniciativas como esta axudan a fixar poboación, a xerar oportunidades laborais e a demostrar que o rural pode ser un lugar de progreso, con servizos, emprego e calidade de vida”, remarcou.

Ademais, o subdelegado subliñou a importancia de rehabilitar e poñer en valor o patrimonio público existente. “Fronte á alternativa de deixar que os edificios se deterioren, o PIREP aposta pola súa recuperación e a súa reutilización, dándolles unha segunda vida que combina sustentabilidade, eficiencia enerxética e utilidade social”, sostivo.

Avance das obras

Ata o momento, os traballos executados máis relevantes son as cubertas e as carpinterías metálicas, mentres que a instalación eléctrica e a fontanería están próximas á súa conclusión. Unha vez rematado, a parte de arriba deste edificio servirá de hotel con dez habitacións dobres. Ás que se suman, 26 prazas na planta baixa que servirán para o aloxamento de peregrinos.