O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reivindicou a pluralidade lingüística como “unha riqueza cultural e democrática”. Fíxoo na presentación da mesa redonda “Lingua, cultura e liberdade: o galego na construción da democracia”, que contou coa participación de Pilar García Negro, Manuel Bragado, Dores Tembrás e Juan Tallón.
O encontro, celebrado no Centro Cultural José Ángel Valente de Ourense, encádrase na programación impulsada pola Subdelegación do Goberno en Ourense e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade. Os integrantes do debate abordaron o papel das linguas, especialmente do galego, nas últimas décadas e na actualidade.
Na súa intervención, Eladio Santos enxalzou o traballo das persoas que defenderon a liberdade lingüística en Galicia despois da ditadura. “Son mulleres e homes que traballaron con enorme xenerosidade para que a nosa lingua recuperase espazo público, prestixio e futuro”, destacou.
O subdelegado subliñou o compromiso do Goberno coa “diversidade lingüística” como “pedra angular da democracia”. “A pluralidade é unha riqueza que nos define e nos fortalece e por iso o Goberno de España continúa avanzando na promoción do uso das linguas cooficiais, integrándoas nos espazos institucionais, educativos e culturais do Estado”, engadiu.

