O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destaca o compromiso da UME coa provincia de Ourense, onde realiza un novo exercicio para garantir a protección da cidadanía.
O exercicio, que se realizará do 3 ao 9 de novembro, consiste na práctica sobre salvamento e rescate vertical de persoas en terremotos, así como na protección de bens de interese cultural mediante apuntalamentos, mantemento e sostemento de cargas. A actividade se desenvolve nos concellos da Rúa e Vilamartín de Valdeorras, coa participación de 40 militares e 9 vehículos. A UME xa estivo este ano na Rúa, o pasado mes de maio, realizando manobras, naquela ocasión, de coordinación en materia de incendios forestais.
O subdelegado agradeceu “o imprescindible traballo da UME” nas distintas intervencións realizadas na provincia, especialmente, nos lumes forestais do pasado verán. “A Unidade Militar de Emerxencias é un corpo preparado e organizado, cun enorme compromiso público, e que logrou o cariño e admiración de todos os ourensáns e ourensás”, apuntou.
Santos puxo en valor a preparación da UME, con numerosos adestramentos que constitúen “unha inversión en seguridade, eficacia e confianza”. “O seu traballo constante no territorio garante que nos momentos máis difíciles se responda coa máxima capacidade e profesionalidade, o que permitiu e permitirá salvar vidas e patrimonio”, remarcou.

