O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou Vilar de Barrio onde na compaña do alcalde, Manuel Conde, analizou as liñas de colaboración abertas entre a institución provincial e o Concello en materia de infraestruturas viarias, medio ambiente -coa posta en valor da Serra de San Mamede- e accións culturais. Na casa consistorial, onde se celebrou unha xuntanza á que tamén acudiron membros da corporación, Manuel Baltar anunciou unha nova vía de cooperación desta volta no ámbito da prevención de incendios forestais.
O presidente da Deputación avanzou que na modificación de créditos que se presentará ao pleno da corporación provincial de abril figura unha partida para a adquisición de 12 tractores de roza, en colaboración coa Xunta, destinados á loita contra os lumes en 12 municipios da provincia. Un capítulo no que estará incluído o Concello de Vilar de Barrio, que poderá así contar con maquinaria propia para estes labores de prevención dentro do acordo pioneiro -único en Galicia- entre a institución provincial e a Consellería de Medio Rural neste eido.
“Seguimos traballando para que Ourense sexa unha provincia máis grande”, afirmou Manuel Baltar, que ademais de destacar os proxectos nos que xa están a traballar Deputación e Concello tamén quixo poñer en valor o cofinanciamento doutras iniciativas con outras administracións, como é o caso da Xunta.
Manuel Conde agradeceu pola súa banda a visita de Manuel Baltar, engadindo que “os concellos máis pequenos non poderíamos afrontar o noso desenvolvemento sen a axuda económica de entes tamén locais como a Deputación”. O rexedor tamén lle agradeceu a Baltar que “se ofreza como interlocutor con outras administracións para poñer a Vilar de Barrio no mapa, un interese común e colectivo do que estou orgulloso”.