O concello de Cea acollerá unha vez máis a tradicional celebración en homenaxe a un dos produtos gastronómicos referenciais de Galicia, o pan de Cea. Este produto, con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) volverá a selo protagonista en San Cristovo de Cea este fin de semana coa celebración da XXIX edición da Festa do Pan de Cea e a VIII edición da Ruta dos Fornos. A presentación destes eventos tivo lugar esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial e contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde do municipio, José Luis Valladares e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, Carlos Rodríguez.
A Deputación de Ourense colabora neste evento que “conta co mellor ingrediente para triunfar, como é este produto excelso da nosa gastronomía”, en palabras de Manuel Baltar, que reivindicou unha festa “avalada polo Concello de Cea, que promove o seu emblema e que podemos desfrutar grazas o traballo de todos os panadeiros que forman parte desta IXP”.
2.000 pezas de pan e 400 participantes na comida popular
“Esta xornada é especial sen dúbida, no comezo dun verán incrible despois dos tempos da pandemia, reuníndonos de novo ó redor dunha das xoias da ourensanía como é este pan de Cea” sinalou Manuel Baltar, destacando que “o pracer de seguir apostando e presumindo deste manxar, non soamente este día, senón tódolos días do ano e a través de todo o mundo”.
Pola súa banda, o alcalde de San Cristovo de Cea agradeceu o apoio da Deputación e lembrou o traballo realizado polo que hoxe é o presidente do goberno provincial a prol da IXP Pan de Cea cando era delegado da Xunta de Medio Rural. José Luis Valladares invitou a ourensáns e visitantes a gozar co evento deste fin de semana, despois dos dous anos de parón pola pandemia. 2.000 pezas de pan e 400 participantes na comida popular dunha Festa que contará como pregoeiro con José Manuel Vázquez Rodríguez, xefe de Cardioloxía do CHUAC
O presidente da IXP Pan de Cea, Carlos Rodríguez, sinalou que “hai dous anos quedamos a mediodía sen existencias, polo que nesta ocasión poremos á disposición do público preto de 2.000 pezas”. Respecto á comida popular do domingo, salientou que “temos a previsión de que acudan unhas 400 persoas”. Ademais, demais destacou que durante a xornada do sábado, “o público poderá visitar seis fornos antigos, un máis ca en edicións anteriores, gozando de experiencias gastronómicas singulares en cada un deles”.
Rodríguez anunciou tamén que a XXIX Festa de Exaltación do Pan de Cea contará como pregoeiro con Jose Manuel Vázquez Rodríguez, xefe de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nado en San Cristovo de Cea, quen será presentado por Marisa Crespo Leiro, recentemente nomeada filla predilecta deste concello é que tamén é unha cardióloga e investigadora destacada.
Unha completa programación para este fin de semana en San Cristovo de Cea
A programación destas festas comezará este sábado, día 2 de xullo, coa celebración de diversos talleres que versarán sobre o complexo proceso de elaboración do pan e de aqueles produtos gastronómicos que teñen como base este alimento. Tamén durante a xornada do sábado de 18,00 horas ás 20,00 horas terá lugar a tradicional Ruta dos Fornos, que celebra este ano a súa VIII edición. Nela, as persoas participantes terán a oportunidade de percorrer 6 distintos fornos, un máis que na anterior edición e nos que haberá distintas experiencias gastronómicas, sempre co pan coma protagonista. A animación musical da ruta correrá a cargo das agrupacións Charanga CLK, Candaira, Feitizo de Pau, Pandereteiras de Cea, Pandereteiras de Celavella e Pratos Mornos. O concerto final da ruta correrá a cargo do grupo Movilla y los Irresistibles, ás 22.45 horas, e Gin Toni’s, ás 0.30 horas; ambos os dous na Praza Maior.
Xa durante o domingo, terán lugar os actos da Festa de Exaltación do Pan de Cea no Campo da Saleta. Alí, na compaña de diversas charangas, gaitas e actuacións musicais terán lugar tanto o tradicional pregón das festas e a comida popular que contén múltiples produtos con denominación de orixe galega. Nese mesmo lugar, a través de diversos postos de artesáns e comerciantes poderán adquirirse varios produtos, incluído o Pan de Cea.
Ás 19,00 horas haberá unha degustación gratuíta de chourizos ao viño con Pan de Cea. O final de festa comezará a partires das 20,00 horas, con orquestra.
Durante toda a xornada do domingo, haberá un espazo expositivo no que participarán unha vintena de empresas de diversos sectores. Artesanía e gastronomía daranse cita nesta mostra feiral, que se complementará co stand do Inorde, onde se exporán produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos.
700.000 pezas de pan de Cea producidas en 2021, un 3% máis que en 2020
O pan de Cea é un dos produtos gastronómicos máis recoñecibles da provincia de Ourense estando presente en múltiples mercados repartidos ó redor do planeta. No 2021 aumentou a produción un 3% respecto ao ano 2020, chegando case as 700.000 pezas da IXP. Este incremento resalta especialmente na Comunidade Valenciana e en Andalucía, destacando tamén o aumento da demanda na restauración de alta cociña. Na actualidade, salientou o presidente do Consello Regulador, “son 13 os fornos tradicionais inscritos” na IXP.
Este produto aparece por primeira vez documentado no século XIII, e realízase a través dun proceso artesanal transmitido de xeración en xeración gracias o cal, logrou manter a súa calidade a través dos séculos. Para obter o pan de Cea é necesario realizar seis fases diferenciadas que levan no seu conxunto unhas seis ou sete horas. Estas fases consisten no amasado, repouso, división da masa, remasado, enfornado, cocción e rever.