Concello de Ourense

Concello e UVigo impulsan a conexión peonil dos dous campus

O alcalde trasladoulle ao reitor o apoio do Concello ao proxecto de soterramento da Avenida Otero Pedrayo nas proximidades da pasarela.

Óscar Gómez

Ourense | 20.09.2023 08:00

Concello e UVigo impulsan a conexión peonil dos dous campus
Concello e UVigo impulsan a conexión peonil dos dous campus | Faro de Vigo

O Concello de Ourense e a Universidade de Vigo unirán forzas para impulsar a conexión peonil dos dous campus da cidade. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, trasladoulle o apoio do Concello á proposta realizada desde a UVigo para o soterramento parcial da Avenida Otero Pedrayo, nas proximidades da actual pasarela peonil. Sería un treito duns 100 metros de lonxitude, comprendido entre a rotonda da rúa Castelao e a rotonda que se atopa xunto á pasarela, fronte aos terreos onde a Xunta de Galicia ten previsto emprazar a súa futura sede na cidade. Este espazo, liberado do tráfico rodado, conectaría os dous campus e converteríase nunha praza pública para uso e desfrute da comunidade universitaria e da veciñanza en xeral. Na xuntanza, o alcalde tamén expresou o apoio do Concello á demanda de novos espazos para o desenvolvemento futuro da Universidade de Vigo.

Ao termo da reunión, Gonzalo Jácome lembrou que o soterramento da Avenida Otero Pedrayo é “unha demanda común” desde hai tempo do Concello e a Universidade de Vigo. A proposta do reitor, asegura, permitiría dotar a contorna dunha “permeabilidade tremenda”, ademais de unir os campus e proporcionarlle unha mellor calidade de vida a estudantes e veciñanza, xa que “contarían cunha nova praza e poderían pasar dun campus ao outro sen ter que usar unha pasarela”.

O alcalde avanzou que este proxecto: soterramento e nova praza pública, será unha das tres demandas que ten previsto trasladarlle desde o Concello ao presidente da Xunta de Galicia, nun encontro previsto para o mes de outubro.

Pola súa banda, o reitor manifestou que para a UVigo este proxecto “é moi importante. Pensando no campus do futuro hai dúas cuestións, que en realidade se poderían solucionar cunha mesma actuación. Unha ten que ver coa permeabilidade entre campus, que a nosa proposta sería facer un topo que permitise pasar en superficie de xeito peonil do campus norte ao campus sur, a través desta parcela onde se vai situar o edificio da Xunta. A outra cuestión sería, para pechar todo o campus e ter a posibilidade de ampliación, contar cun espazo dentro desa parcela. O Concello xa se comprometeu a ceder metros alí, temos que buscar algo máis porque contamos con que vai ser preciso facer un edificio adicional”, detallou Reigosa.

O reitor da Uvigo concluíu que “a proposta que nós facemos, que pode ser estudada e modificada como se queira, pode facerlle moito ben á universidade pero tamén á cidade. A ver se somos quen de sumar forzas e conseguir que isto se faga dentro do seguinte mandato”, manifestou.