Ourense Cidade

O Concello renovará o parque móbil da Policía local e o dos bombeiros

A Policia Local coa adquisición de 14 vehículos e o do servizo de Extinción de Incendios cun novo furgón e un vehículo forestal autobomba

Óscar Gómez

Ourense | 11.12.2020 11:57

Policia Local Ourense
Policia Local Ourense | La Voz de Galicia

Os 14 vehículos para a Policía Local teñen como finalidade “finiquitar dunha vez por todas o precario estado da flota, na que se atopan vehículos de até 30 anos de antigüidade”, sinala o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, quen pon en valor a importancia da adquisición de 14 unidades xa que, explica, “equivale á realizada nos últimos 15 anos polo Concello para este servizo”. Para os bombeiros adquírense un furgón e un vehículo forestal autobomba, que eran “moi necesarios” e requiridos desde este servizo municipal. Telmo Ucha avanza que a mellora de recursos para Policía Local e Bombeiros continuará proximamente, e que o goberno municipal estudia crear unha mesa de compras para determinar as necesidades de maior prioridade para estes servizos. Tamén se acometerá a mellora do propio edificio do Parque de Bombeiros, con fondos de UNESPA.

Na mesma sesión, aprobouse o calendario para a negociación colectiva pactado coas centrais sindicais. Explica o concelleiro Armando Ojea que “é sabido que o Concello arrastra problemas de persoal dese hai bastantes anos. É imposible resolvelos todos dunha vez xa que son moitos e moi complexos, e o que aprobamos é ratificar un acordo cos sindicatos para establecer un calendario de negociación colectiva, cun cronograma e unha asignación de prioridades”, ao longo de 2020 e 2021, co obxectivo de “dar solución á maior parte dos problemas que se veñen arrastrando”.