O Concello de Ourense reporá, desde mañá xoves e durante os vindeiros catro días, as xuntas de dilatación da rúa Xoán XXIII, no tramo situado entre as rúas Progreso e Concello. Para a súa execución, será necesario pechar ao tráfico os dous carrís de subida, mentres que os de baixada pasarán a ser de dobre sentido de circulación. Unha vez finalizada a reposición das xuntas nos carrís de subida, procederase a pechar os de baixada e habilitar os de subida en dobre sentido.
A Concellería de Infraestruturas prevé que os traballos comecen mañá, xoves, ás 9.30 horas, e rematen o martes, 9 de novembro, cando se restablecerá a normal circulación pola avenida diagonal da cidade.
Mentres duren os traballos nesta zona, a parada de autobús provisional desprazarase uns metros respecto do seu emprazamento habitual. As persoas propietarias de garaxes non se verán afectadas polos cambios destes días, e desde o Concello prégase comprensión entre todos os usuarios da vía mentres duran os necesarios labores de reposición.