O Concello de Ourense inicia a campaña anual de fomento da lectura, coa que agasallará os nenos e as nenas da cidade cun libro á súa escolla, que poderán nas librarías da cidade desde mañá, mércores, 22 de xuño. O Concello dalle continuidade por terceiro ano consecutivo a esta iniciativa, coa que persigue fomentar a lectura entre a rapazada coincidindo co inicio das vacacións de verán, premiala polo seu esforzo durante o curso escolar e apoiar o comercio local. A campaña esta dirixida a escolares que nacesen desde o ano 2004 en adiante e que figuren no padrón do Concello. Do 22 de xuño de 2022 ata o 7 de setembro de 2022 poderán retirar o libro que escollan nas librarías da cidade.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome convida os nenos e as nenas da cidade a que se acheguen ás librarías para elixir o título que máis lles guste (ata 20 euros) e desfrutar coa lectura durante as súas vacacións de verán. Pérez Jácome pon en valor os resultados desta campaña “pioneira en España”, e que se desenvolve por terceiro ano consecutivo tras colleitar un “éxito total” nas súas dúas edicións anteriores.
Destaca o rexedor que cada nena ou neno de Ourense, de até 18 anos, uns 15.000 en total, poderá elixir o título que máis lle guste e retiralo gratuitamente en calquera das 38 librarías da cidade que participan nesta iniciativa. Ademais, explica, a campaña arrinca nunha data estratéxica, o 22 de xuño, día que remata o curso escolar 2021/2022, e o alumnado inicia o seu período de vacacións. “É como un premio de fin de curso, comezan as vacacións e se fomenta a lectura. Comeza o verán e comeza ben”, conclúe Pérez Jácome.
Para recibir o libro deberán solicitalo a través da web https://libros.ourense.gal, realizando un trámite sinxelo. Recibirán un código alfanumérico que deberá presentar, xunto co NIF, no establecemento.