Para comezar, na División de Honra teremos competindo ao Ría Ferrol na categoría femenina e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra na masculina, cuxos obxectivos en primeira instancia, pasan por estar un ano máis entre o selecto grupo de catorce equipos que compoñen a máxima categoría nacional do atletismo español.
Para o club Ría Ferrol, instalado desde fai case vinte anos na elite, o seu debut será nas pistas Universitarias de León nas que se medirá nun difícil encontro, ao Universidad de León, Unicaja Jaén e o potente subcampión nacional do ano pasado, o Playas de Castellón quen parte como favorito.
Pola súa banda, o equipo masculino da Gimnástica de Pontevedra terá no Estadio soriano de Los Pajaritos a primeira xornada que o levará a enfrontarse contra os locais, e terceiros clasificados do ano pasado, Atletismo Numantino. A maiores, Real Sociedad e CAPEX compoñen este encontro, no que os extremeños parten a priori como os máis accesibles para os intereses pontevedreses.
O obxectivo pasa por evitar o último posto deste primeiro encontro cadrangular e ir sumando o maior número de puntos posibles (máximo catro puntos) de cara as seguintes citas.
Primeira División Nacional
Pola súa banda o Real Club Celta en ambas categorías e novamente a Sociedad Gimnástica na categoría femenina, son os nosos tres representantes na Primeira División.
O obxectivo dos dous conxuntos galegos femininos, será evitar os sufrimentos vividos o ano pasado na que lograron de maneira moi axustada a permanencia nesta categoría. Para este primeiro encontro será precisamente Balaidos a sede do mesmo, e no que tanto Celta Feminino como Gimnástica, intentarán facer valer o factor pista para superar aos conxuntos do Atletismo Valladolid e Oviedo Atletismo.
Todo o contrario que na categoría feminina, foi o que aconteceu co equipo masculino do Real Club Celta, xa que tan só dous puntos impediría aos célticos estar este ano na División de Honra. Precisamente para acadar este obxectivo, pelexarán polos catro primeiros puntos este sábado nas pistas de Las Mestas de Xixón contra a formación local do Universiade de Oviedo, e os conxuntos vascos do Durango Kirol Taldea e Super Amara BAT.