Cooperación

Colaboración solidaria coa Fundación Diego González Rivas

“As administracións públicas temos que ser un exemplo á hora de promover a solidariedade entre a cidadanía”, afirmou Manuel Baltar.

Óscar Gómez

Ourense | 03.02.2023 09:52

Colaboración solidaria coa Fundación Diego González Rivas
Colaboración solidaria coa Fundación Diego González Rivas | onda cero

A Deputación de Ourense abrirá unha liña de colaboración solidaria coa Fundación Diego González Rivas, entidade recen constituída que leva o nome do cirurxián coruñés que desde hai máis dunha década opera en África a persoas sen recursos e con enfermidades torácicas. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, avanzou o apoio a este proxecto nado en Galicia trala reunión que esta mañá mantivo no Pazo Provincial coa responsable de Relacións Sociais e Xestión Operativa da fundación, Carla Salgado.

Manuel Baltar coñeceu os detalles desta nova entidade, que ten como obxectivo inmediato a adquisición dunha unidade móbil de cirurxía que supla os problemas que xorden a miúdo nos centros hospitalarios dos países máis pobres do continente africano, dotados con escasos recursos.

O presidente do goberno provincial trasladou a Carla Salgado o compromiso da Deputación para cooperar coa fundación, “pois as administracións públicas tamén temos que ser un exemplo á hora de promover a solidariedade entre a cidadanía”. Nesta liña destacou o apoio da institución a organizacións como Cruz Vermella ou o Banco de Alimentos, ademais do dispositivo técnico e loxístico posto en marcha pola Deputación para dar soporte á axuda humanitaria recollida na provincia e con destino á poboación de Ucraína despois da invasión do exército ruso.

Carla Salgado, que cualificou a reunión como “moi exitosa”, agradeceu a atención recibida por parte de Manuel Baltar, “que nos ofreceu todo o seu apoio e comprometeu a colaboración da Deputación con este proxecto”. Un agradecemento que tamén fixo chegar o doutor Diego Rivas desde o Congo, onde estes días se atopa operando, logo de coñecer o contido do encontro celebrado no Pazo Provincial, e na que tamén estivo presente Carlos Martínez, colaborador da Fundación Diego González Rivas.

Unha iniciativa solidaria con selo galego

A Fundación Diego González Rivas constituíuse o 27 de xaneiro na Coruña, rematando así un proxecto que foi tomando forma desde outubro do pasado ano. Con seis empresas coruñesas como socias, a fundación tamén traballará na comunidade galega operando a persoas sen recursos.

Coa posta en marcha da fundación, o doutor Diego González Rivas, que leva máis de dez anos traballando de forma voluntaria en países africanos, espera chegar a moitos máis lugares e persoas aproveitando os recursos que ofrecerá a unidade móbil de cirurxía e o equipo de profesionais que está a crear para continuar coas operacións torácicas, a través dunha cirurxía minimamente invasiva que permite ao paciente abandonar as instalacións sanitarias en 24 horas.