A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) desenvolve un plan de formación que ten por obxectivo capacitar á persoa para que logre o seu desenvolvemento profesional. Tendo como obxectivo final a inserción laboral, o programa formativo está adaptado ás necesidades e capacidades das persoas con discapacidade, destinatarias desta formación, pero tamén contempla as demandas do tecido empresarial da zona.
Ao longo de 2021, a área de Formación de COGAMI impartiu 21 cursos dos que 14 foron en formato presencial, sempre con todas as medidas de hixiene e seguridade de protección ante o COVID-19, e 7 foron en formato online. “Intentamos facer a formación presencial con medidas de prevención e seguridade máximas, aplicando os protocolos que en cada momento e cada centro lle correspondían”, apunta Paco Abuín, coordinador da área de Formación de COGAMI, quen engade que “programamos cursos a distancia en diferentes zonas de Galicia e, para aquelas persoas que carecían de equipos informáticos, cedémosllos dende CGOAMI xunto coa conexión a internet”.
Foron un total de 218 persoas as formadas por COGAMI, 129 mulleres e 89 homes, con idades comprendidas entre 40 e 50 anos e, en moitos casos, con certificado de incapacidade laboral para desenvolver a profesión habitual. De todas estas persoas formadas, o 31% logrou inserirse laboralmente ao longo do ano tras pasar por esta formación. “Podemos facer un balanzo moi positivo dos cursos impartidos durante o ano 2021”, apunta Paco Abuín, quen engade que “agora estamos á espera da aprobación da nova financiación para darlle continuidade ao noso programa formativo”.
Para poder desenvolver estes cursos, contouse co apoio financeiro da Administración Pública como a Consellería de Emprego e Igualdade, o Ministerio de Asuntos Sociais e o Fondo Social Europeo, e tamén por organismos sociais como a Fundación ONCE e Fundación “la Caixa”.
O plan de formación impartido contempla clases teóricas e tamén a realización de prácticas en empresas da zona, co fin de que o alumnado tome contacto co mercado laboral e co tecido empresarial da súa comarca, ademais de poder ter a posibilidade de poder rematar estas prácticas cunha oferta laboral da empresa na que as realizou. Durante 2021, foron 30 persoas as que realizaron prácticas en empresas que colaboran desinteresadamente con COGAMI.
Os cursos impartidos desenvolvéronse tanto en zona urbana como rural, sendo as zonas rurais de interese para COGAMI por careceren de máis servizos que nas cidades. Explica Abuín “intentamos facer o máximo número de cursos na zona rural de Galicia para que as persoas con discapacidade teñan as mesmas oportunidades de formación na súa propia contorna e non se teñan que desprazar a zonas urbanas”.
COGAMI destinou 2.448 horas á formación de persoas co fin de dotalas de preparación para que acaden unha oportunidade laboral o antes posible.