Ourense Cidade

Chega a Ourense o espectáculo familiar 'Inventio'

Comedia, ilusionismo e artes circenses mestúranse nesta proposta para todos os públicos que estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal.

Óscar Gómez

Ourense | 29.11.2022 08:48

Chega a Ourense o espectáculo familiar 'Inventio'
Chega a Ourense o espectáculo familiar 'Inventio' | onda cero

Inventio é un espectáculo familiar “cunha historia atractiva de gran profundidade e calado cultural, cun halo de fantasía e maxia, espectacular e apetecible, na que prima a calidade”. E sinalou que “fala das culturas periféricas, do que nos fai ser diferentes, pero tamén do que configura a nosa humanidade en Galicia ou en calquera lugar do planeta, capaz de falar de algo universal que nos une a todos”.

O espectáculo Inventio vai ser o arranque da tempada de Nadal en Ourense e brindará un total de tres funcións cheas de circo, fantasía e danza no Auditorio Municipal entre o venres 2 e o sábado 3 de decembro. Os billetes están á venda na web entradas.ataquilla.com e oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca.

Concibido para todos os públicos, Inventio reborda humor, misterio e fantasía mais tamén é quen de mesturar con solvencia a comedia e o drama. Trátase dun convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado 'Triki' e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

Logo do seu paso por Ourense, a xira de Inventio proseguirá por Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.