A carreira popular do San Martiño terá unha nova edición en 2020
Percorrerá 10 km nas marxes do río Miño, con saídas escalonadas e grupos reducidos para garantir todas as medidas de seguridade
A carreira pedestre popular do San Martiño vivirá unha nova edición este ano 2020. Así o anunciou o alcalde de Ourense e presidente do Consello Municipal de Deportes, Gonzalo Pérez Jácome, trala xuntanza do Consello Reitor que se celebrou esta mañá de forma presencial no salón de plenos do Concello.
A proba decana e referente en Galicia nesta especialidade terá este ano unha edición en formato especial, adaptada ás restricións que impón a pandemia da COVID-19. Percorrerá unha rota de 10 kilómetros ao longo das dúas marxes do río Miño ao seu paso pola cidade, con todas as medidas de seguridade precisas para o seu desenvolvemento, saídas escalonadas e grupos reducidos, cuxas dimensións se adaptarán á normativa vixente no momento da celebración. A proba só admitirá a participación este ano de persoas adultas.
A carreira celebrarase no mes de novembro, no marco da programación de actividades que organizará o Concello para celebrar a festa do San Martiño 2020, que tamén se adaptarán á nova realidade orixinada pola pandemia da COVID-19, e coas medidas de seguridade que sexan precisas.
O Concello aposta así por darlle continuidade a unha nova edición, que será a número 44, dunha proba consolidada como referente entre todas as carreiras populares que se desenvolven en Galicia e un dos principais eventos deportivos que se desenvolven ao longo de todo o ano na cidade. Será ademais nun mes, novembro, en que Ourense terá outra grande cita deportiva coa chegada a cidade da Volta Ciclista a España.