O Bono Turístico da Xunta de Galicia pecha a campaña de 2025 cun novo éxito de participación e impacto no sector turístico galego. Este ano chegou a case 600 establecementos de preto de 150 concellos galegos, dinamizando os hoteis, pensións, restaurantes e axencias de viaxe fóra de temporada alta.
En total, entre o 15 de setembro e o 25 de decembro, facturáronse preto de 2,5M€ grazas a este produto. Por provincias, Pontevedra foi a que máis mobilizou, con máis de 892.000€, seguida de Lugo, na que se roldaron os 700.000€. Os establecementos adheridos na provincia da Coruña facturaron máis de 570.000€ e os da provincia de Ourense preto de 230.000€.
Por número de operacións realizadas, sumáronse 15.920 en toda Galicia, que se distribuíron entre os 556 establecementos adheridos. Destes, 218 localízanse na provincia da Coruña, 162 en Pontevedra, 102 en Lugo e 74 en Ourense. Isto supón un incremento significativo respecto a 2024, cando se apuntaron un total de 426 establecementos.
A Xunta investiu 1M€ nesta iniciativa, e, desde a apertura do período de descarga, o 18 de xullo, en apenas tres días descargáronse os 16.666 bonos de 150€, dos que o 40% está financiado por Turismo de Galicia e o 60% polas persoas beneficiarias. Cada persoa podía optar a un máximo de dous bonos, 300€, cos que gozar dunha estadía nalgún dos establecementos participantes no programa.
Desde que se implantou en 2020 puxéronse en circulación case 80.000 bonos turísticos, mobilizándose preto de 19M€ no sector turístico galego.

