Ciencia

“Atrévete coa Aeronáutica! novo reto de Galiciencia

Trátase de que os máis novos coñezan a importancia da aeronáutica en campos diversos como o das telecomunicacións.

Óscar Gómez

Ourense | 01.02.2023 09:13

“Atrévete coa Aeronáutica! novo reto de Galiciencia
“Atrévete coa Aeronáutica! novo reto de Galiciencia | onda cero

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta 18ª edición celebrarase no mes de maio, co lema “Aeronáutica e Aeroespacial”.

Ademais do concurso de proxectos, convócase o desafío científico “Atrévete coa Aeronáutica!”, dirixido ao alumnado de 4º de Primaria a 2º de Bacharelato de toda Galicia. Poderán participar pequenos grupos de entre dous e tres integrantes de entre 10 e 18 anos. O desafío consta de dúas fases, unha online e outra presencial.

Para poder superar a primeira fase online cómpre participar nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses, todos eles vencellados cos avances da aeronáutica e a súa repercusión social. O prazo de inscrición no primeiro reto, que deberá efectuarse a través da páxina web atrevete.galiciencia.com, remata o 23 de febreiro. Para chegar á fase final, que será presencial durante a celebración de Galiciencia, será imprescindible ter participado nos tres retos online. No desafío final competirán os tres grupos mellor valorados de cada categoría na anterior fase: Primaria, Secundaria e 4º da ESO e Bacharelato.

A finalidade desta proposta é inculcar nos máis novos a idea de que “a humanidade soñou con voar desde o principio dos tempos. En termos históricos, hai moi pouco que o conseguimos e, desde entón, non deixamos de avanzar. Somos capaces de cruzar océanos en poucas horas, chegamos ao espazo e achegámonos ás estrelas. Pero a aeronáutica non só é esencial para transportarnos, senón en moitos outros campos como, por exemplo, o das telecomunicacións”.

Máis información: www.galiciencia.com