Ourense Cidade

O alcalde impulsa unha rebaixa do 40% no imposto de circulación

A medida rebaixará unha media de 60 euros o recibo do imposto, ademais pretendese eliminar o dumping impositivo doutros concellos e aumentar o censo da cidade

Óscar Gómez

Ourense | 21.04.2021 08:09

O alcalde impulsa unha rebaixa do 40% no imposto de circulación
O alcalde impulsa unha rebaixa do 40% no imposto de circulación | La Voz de Galicia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinou unha providencia instando a iniciar os trámites para reducir nun 40% o imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), máis coñecido coma imposto de circulación. Para que poida ser efectivo en 2022, o rexedor subliñou que esta modificación fiscal deberá expoñerse ao público e levarse a pleno neste 2021, “preferiblemente no mes de xullo”. Con esta medida, o Concello deixará de recadar 2 millóns de euros anuais, pero cada propietario de vehículo aforrará unha media de 60 euros no recibo anual.

O grupo de goberno espera o apoio plenario dos grupos e dos concelleiros “nunha baixada de impostos que aliviará os petos dos cidadáns en época de crise, cando todo é pouco para axudar as economías domésticas”, di Pérez Jácome. “A redución do malgasto dos cartos públicos que perseguimos”, afirma o rexedor, “debe combinarse coa redución da presión fiscal, neste caso municipal”. “Pódese e débese reducir o imposto”, sinala, “e é o momento de que o cidadán teña máis diñeiro no seu peto e non os bancos”. “Ademais”, engade, “eliminaremos o dumping fiscal que exercían outros concellos para captar censo”.

Perda de censo. O IVTM, en opinión do alcalde ourensán, é un imposto que provoca a fuga de contribuíntes: veciños que buscan un concello, normalmente desta provincia, cuxo tipo impositivo sexa sensiblemente menor e supóñalles un aforro. “Está a fomentarse desta forma a picaresca censual”, denuncia. “Este éxodo non se limita á perda dese tributo unicamente, pérdese ademais un cidadán ou mesmo unha familia enteira do noso censo, coa consecuente perda mesmo na parte proporcional de transferencias ou investimentos das administracións supramunicipais”, di.

Sen entrar a considerar outros elementos que posiblemente merecerían outro debate, o feito de que polo mesmo vehículo se abonen distintas cantidades en función do municipio onde se estea censado, é un feito que non se chega a entender moi ben por parte do cidadán”, sopesa Pérez Jácome.

E é que o IVTM réxese polo establecido na Subsección 4ª do Real Decreto Lexislativo 2/2004 do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. “Neste concello o coeficiente de multiplicación sobre a base establecida rolda o cociente do 1.7 -varía segundo os cabalos fiscais-. Os concellos poden incrementar as cotas ata un máximo de 2 ou reducilas ao cociente mínimo de 1”, explica.

A actual recadación por este concepto tributario ronda os 5 millóns de euros, e con esta redución os ourensáns terán 2 millóns de euros máis nos seus petos. Ademais da compensación económica para as economías domésticas, o grupo de goberno persegue un aumento do censo á vez que un alivio da presión fiscal sobre a xa de seu deostada economía dos cidadáns empadroados na cidade. “Debería contribuír ao retorno de gran parte dos 'exiliados fiscais' e, con eles, os recursos tributarios fuxidos”, sopesa Gonzalo Pérez Jácome, “pero sobre todo animaríanos a recuperar a xustiza contributiva paliando a picaresca que o actual sistema promove coa súa falta de harmonización fiscal”, sentenza.