O Aceites Abril Voleyourense afronta este sábado unha das citas máis especiais da tempada, recibindo ao CV Zalaeta no Polideportivo O Pompeo nun novo derbi galego da Superliga 2. O partido, que se disputará ás 19:30 horas, estará enmarcado na campaña polo 25N – Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, coa que o club reafirma o seu compromiso firme co Non á violencia de xénero e coa igualdade real dentro e fóra do deporte.
No ámbito deportivo, o Aceites Abril Voleyourense chega ao encontro tras a vitoria por 3-0 fronte ao Voleibol Astillero, nun partido de gran intensidade no que o equipo mostrou carácter e solidez nos momentos decisivos. O obxectivo para este derbi será manter esa liña ascendente, fortalecer a regularidade en recepción e seguir medrando en eficacia ofensiva.
Pola súa banda, o CV Zalaeta presenta o perfil competitivo que o caracteriza: un equipo mozo, con ritmo alto, boa organización defensiva e capacidade para castigar en transición. Como en todo derbi, espérase un encontro de grande igualdade, no que os pequenos detalles e o acerto nos finais de set poden resultar determinantes.
Ademais do aspecto deportivo, o Aceites Abril Voleyourense realizará iniciativas simbólicas de sensibilización antes do encontro, visibilizando a importancia de avanzar cara unha sociedade libre de violencia de xénero e comprometida coa igualdade.
O club anima á afección ourensá a encher O Pompeo e arroupar ao equipo nunha xornada especial, tanto polos puntos en xogo como pola mensaxe que represanta.

