Orzamentos Xunta de Galicia

64 millóns de euros en infraestructuras para provincia de Ourense

Continuarase co proxecto da Rolda Leste, entre a estrada OU-105 en Bemposta e a N-525, para pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52, cunha previsión plurianual de investimento de 6,75 M€

Avanzarase en actuacións no eido sanitario como o Plan director do Hospital de Ourense, para o que a Xunta reserva unha partida de 21,8 M€ en 2022, ou o Centro Integral de Saúde, con 3,2 M€

As contas reservan máis de 6,6 M€ para obras de conservación, vialidade invernal ou melloras de firmes nas estradas autonómicas da provincia

Óscar Gómez

Ourense | 21.10.2021 08:10

A Xunta licita a redacción do proxecto construtivo da rolda leste de Ourense
A Xunta licita a redacción do proxecto construtivo da rolda leste de Ourense | onda cero

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mobilizará en 2022 máis de 64 millóns de euros na provincia de Ourense, o que supón un investimento per cápita de 208,8 euros, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos remitido ao Parlamento. As actuacións en materia de infraestruturas viarias reciben a partida orzamentaria máis elevada, cun investimento de máis de 39,3 millóns de euros.

Estas cifras permitirán acometer actuacións para fomentar a mobilidade sostible e segura a través da execución de sendas en estradas autonómicas ao seu paso por concellos como Ourense, O Pereiro de Aguiar ou Muíños. Nesta liña de mellora da accesibilidade e da mobilidade sostible nas contornas urbanas, os orzamentos recollen un investimento de 710.000 euros destinado a sendas e aparcadoiros disuasorios, aproveitando os fondos europeos de recuperación.

As contas tamén prevén intervencións de seguridade viaria en estradas como a OU-540 en Barbadás, cunha partida de 0,66 millóns de euros; ou na OU-402 na Arnoia (0,35 M€) Ademais, continuarán os acondicionamentos como o que está executando a Xunta na estrada OU-105 en Seixalbo (0,26 M€).

A Xunta continuará avanzando o vindeiro ano no proxecto construtivo da Rolda Leste de Ourense, entre a estrada OU-105 en Bemposta e a N-525, que suporá pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52. A partida recollida nos Orzamentos de 2022 ascende a 250.000 euros, que permitirá avanzar no proxecto, cunha previsión plurianual de investimento nesta actuación de 6,75 millóns de euros.

Os Orzamentos da Consellería para 2022 tamén reservan 1,5 M€ para impulsar o acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e a fronteira portuguesa e a mellora da estrada OU-533, entre Valdeorras e a estación do AVE e a A-52 na Gudiña, unha vez que os criterios impostos polo Goberno de España para o reparto dos fondos Next Generation de Mobilidade impiden avanzar, con maior intensidade nestas actuacións, ao primar os investimentos nos concellos de máis de 50.000 habitantes. As previsións plurianuais de investimento recollidas nos Orzamentos de 2022 para avanzar nestas dúas actuacións acadan os 19,5 M€.

Os Orzamentos inclúen as partidas necesarias para proseguir o impulso das accións en materia de posta en valor e mellora da iluminación de pontes, estruturas que son símbolos de identidade en Ourense (0,5 M€). O Goberno galego reserva máis de 6,6 millóns de euros dirixidos ás obras de conservación, vialidade invernal ou mellora de firmes nas estradas autonómicas da provincia, para actuacións en estradas como a OU-104, a OU-103 e a OU-101 en Maceda.

O vindeiro ano, o departamento que dirixe Ethel Vázquez tamén executará actuacións no ámbito das infraestruturas sanitarias, cuxos investimentos figuran nos Orzamentos da Consellería de Sanidade. Así, a Consellería de Infraestruturas avanzará no Plan director do Hospital de Ourense, para o que se consignan 21,8 millóns de euros, ou no Centro Integral de Saúde da cidade, cunha partida en 2022 de 3,2 millóns. Ademais, executaranse as melloras nos accesos aos hospitais da área sanitaria da provincia, cun investimento de 450.000 euros.

Mobilidade

No que se refire ao eido do transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade investirá o próximo ano 18,5 millóns de euros na provincia, dos que 15,4 millóns se destinarán ao mantemento dos servizos do Plan de Transporte Público. Tamén se reservan 300.000 euros para financiar a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos poden viaxar gratis por toda Galicia en calquera das máis de 3.300 liñas de autobús renovadas da Xunta.

Ademais, prevese unha partida de 820.000 euros para impulsar o proceso de dixitalización do transporte público, que redundará na mellora dos servizos prestados aos cidadáns, como a mellora dos sistemas de información aos usuarios do paso dos servizos en tempo real.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén optimizará estacións de autobuses da provincia e as infraestruturas de transporte no rural, mellorando as paradas e dotándoas de marquesiñas, ademais do fomento de nodos de comunicación intermodal, como o que se impulsará no Carballiño, a través de distintas liñas de actuación cun orzamento previsto de 660.000 euros.

Actuacións hidráulicas

En relación ás obras hidráulicas, Augas de Galicia continuará traballando na mellora dos sistemas de saneamento e de abastecemento nos concellos da provincia, especialmente nos rurais, con menos capacidade de investimento, e co obxectivo de afrontar o contexto de cambio climático.

De xeito acorde co impulso do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, co que a Xunta quere apoiar aos concellos que así o desexen nun mellor desenvolvemento das súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración, os orzamentos de 2022 ofrecerán o soporte económico para avanzar nese camiño de colaboración cos municipios.

Crearanse dúas liñas de axuda para a redaccións de plans para a redución de perdas nas redes de abastecemento e para o control de vertidos e infiltracións nas redes de saneamento municipais. Manteranse as liñas de axuda xa iniciadas ás comunidades de usuarios para mellorar as súas infraestruturas de abastecemento e a calidade da auga.

Desenvolverase unha liña de melloras de eficiencia enerxética co obxectivo de reducir o impacto dos incrementos da factura eléctrica na xestión das depuradoras, xa que a compoñente enerxética é un dos maiores custos na prestación do servizo. En canto ao saneamento, a Xunta avanzará en actuacións para mellorar as redes de concellos como Avión (0,19 M€), Muíños (0,23 M€) ou San Cibrao das Viñas.