Médicos sin Fronteras exhibe en Ourense a mostra “40 anos de acción humanitaria independente”


A iniciativa, na que colabora a Deputación de Ourense, ten como obxectivo achegar aos cidadáns o labor médico-humanitaria da organización para amosar a realidade das poboacións que precisan asistencia sanitaria urxente.

ondacero.es

Ourense | 17.06.2014 18:47

Medicos sin froteras
Medicos sin froteras | onda cero

A ONG Médicos sin Fronteras comeza esta semana un percorrido por diferentes concellos da provincia de Ourense para sensibilizar e divulgar na cidadanía a situación na que se atopan poboacións que precisan asistencia sanitaria urxente, e faino por medio da exposición “40 anos de acción humanitaria independente”, unha iniciativa na que colabora a Deputación de Ourense.

O traballo expositivo de Médicos sin Fronteras chegará aos concellos de Cartelle, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Ramirás, Xunqueira de Espadanedo e Xunqueira de Ambía, as seis localidades que formarán parte desta iniciativa que ten como principal obxectivo achegar aos cidadáns a labor médico-humanitaria da organización e, deste modo, amosar a realidade das poboacións que precisan asistencia sanitaria urxente.   “40 anos de Acción Humanitaria Independente” é unha mostra que, con motivo do 40 aniversario da organización, repasa a súa historia e os principios que guiaron o seu labor durante as últimas décadas. A exposición consta de 30 fotografías que plasman o traballo de MSF nalgúns dos contextos nos que interveu dende o seu nacemento, contextos nos que prestou asistencia a poboacións en situación precaria e a vítimas de conflitos armados, desprazamentos forzados, enfermidades endémicas e epidémicas, catástrofes naturais, violencia social e exclusión da atención sanitaria, nos cinco continentes.

 

Mostra itinerante

O Edificio Multidisciplinar (Finca A Tella. Luíntra) en Nogueira de Ramuín é o primeiro lugar en acoller esta exposición, desde o día de 16 ata 30 de xuño en horario de 10.00 a 19.00 horas. A exposición continuará o seu camiño cara o Concello de Parada de Sil (do 1 ao 15 de xullo); Xunqueira de Espadanedo (do 18 ao 31 de xullo); Xunqueira de Ambía (do 3 ao 15 de agosto); Ramirás (do 19 ao 31 de agosto) e finalmente en Cartelle (do 3 ao 15 de setembro).

A mostra abre unha ventá aos conflitos de Afganistán, Líbano, Territorios Palestinos, Iraq, Colombia, Bosnia, Chechenia, Somalia, Darfur ou República Democrática do Congo, entre outros, así como ao xenocidio de Ruanda, as fames de Etiopía e Angola, o terremoto e posterior epidemia de cólera de Haití, o furacán Mitch en Centroamérica, o tsunami do sueste asiático, e a crises relacionadas con pandemias, brotes epidémicos e enfermidades esquecidas como o VIH/sida, a febre hemorráxica Marburg, a meninxite ou o mal de Chagas.