Imos camiño das 90 mil hectáreas ardidas pola vaga de lumes na provincia de Ourense, das que un tercio corresponden a Valdeorras.
Un 30% da superficie queimada corresponde a frondosas, un 60% a monte baixo e o 10% restante a herva e cultivos.
Na provincia continúan activos 6 lumes dos que o máis relevante é o comezado en Seadur (Larouco) que afecta a Quiroga (Lugo), O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras, onde arderon dous pobos.
Neste caso os servizos de extinción elevan a superficie ardida a 30 mil hectáreas.
Séguelle en importancia o de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, que afecta tamén a Manzaneda, Montederramo, Poboa de Trives, O Bolo e Laza, onde arderon 19 mil hectáreas.
E en terceiro lugar deste infortunado ranking está o de Oimbra e Xinzo de Limia que afecta tamén a Monterrei, Cualedro, Verin, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar onde van calcinadas 17 mil hectáreas.
Un cuarto lume activo, con 10 mil hectáreas ardidas é do de A Mezquita que afecta tamén a A Gudiña e Viana do Bolo, así como a territorio da provincia de Zamora.
Activo continúa tamén o de Carballeda de Avia-Beade, con afectación ós concellos de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia, con 4 mil hectáreas e por último o de Carballeda de Valdeorras Casaio con 2600 mil hectáreas.
Estabilizados están os de Moialde, Vilar de Cervos, Fumaces e A Trepa en Vilardevós, o de Santiso e Castro Escuadro en Maceda, o de Trasestrada en Riós e o de Paredes en Montederramo, sumando 5.240 hectáreas.
Os lumes están ocasionando problemas co auga en algúns puntos e afectaron a paraxes naturais como Pena Trevinca.

