A III edición da San Silvestre percorrerá as rúas do centro histórico
A inscrición permanecerá aberta até o mércores 26 de decembro ás 20:30 horas en www.carreirasgalegas.com. O prezo até o 20 de decembro, 5€, e do 20 ao 26, 7€. A rapazada participa de balde.
Ourense despedirá o ano, por terceiro ano consecutivo, correndo a proba da San Silvestre. Este ano, con saída -ás 16:00 horas- e meta no Xardín do Posío, percorrerá as rúas do centro histórico cun trazado de 5.000 metros na categoría absoluta. Esta proba popular, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e cronometrada polo Comité Galego de Xuíces, “xa forma parte dunha triloxía de eventos organizados polo Consello Municipal de Deportes, xunto ao o circuíto de probas populares Correndo x Ourense e á San Martiño, que a cidade aceptou cos brazos abertos”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
“A da San Silvestre unha desas actividades que dinamizan a vida social e animan aos ourensáns e ourensás a practicar hábitos de vida saudables, especialmente indicadas para estas datas”, resumía Vázquez Abad, quen salientou o carácter festivo do evento “polas rúas con maior encanto da cidade vella, para gozar con familia e amigos”, dixo.
As inscricións están abertas até o vindeiro mércores 26 de decembro ás 20:30 horas en www.carreirasgalegas.com, e o custe das mesmas é de 5€ até o día 20 deste mes, e de 7€ desde entón até o peche. Os nenos e nenas poderanse inscribir Gratis. Mario González, xerente do Consello Municipal de Deportes, lembrou na rolda que non se entregarán dorsais o día da carreira: a retirada de dorsais e chips será o sábado 29 e domingo 30 de decembro en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 en Turini Sport (Cardenal Quevedo, 19).
Haberá premios para todos os inscritos das categoría “Pitufos”, Sub10, Sub12, Sub14 e Sub16, que recibirán unha medalla ao rematar a súa proba. Haberá premios tamén para os tres primeiros clasificados da categoría absoluta, homes e mulleres, que recibirán un trofeo. “Para as persoas que non entren en
ningún dos anteriores supostos, poden contar con chocolate quente ao final da proba, apto mesmo para celíacos”, lembrou o rexedor.
Percorrido
Xardín do Posío - Rúa Padre Feijoo - Rúa Colón - Praza Maior - Rúa Barreira - Rúa Burgas - Rúa Desengano - Avenida de Pontevedra - Rúa Lamas Carbajal - Rúa do Paseo - Rúa Concordia - Rúa Santo Domingo - Praza do Ferro - Rúa dos Fornos - Rúa Unión - Praza do Trigo - Rúa Hernán Cortés - Rúa Prieto Nespereira - Rúa Lugo - Xardín do Posío.
Datos de edicións anteriores
2016: 881 participantes (629 Homes - 252 Mulleres). Parque Barbaña. 7 Km. Carreira Absoluta.
2017: 896 participantes (646 Homes - 250 Mulleres). Centro da cidade.5 Km. Carreira Absoluta.