O Espazo Coeduca, un espazo común que pretende suscitar a reflexión colectiva sobre as experiencias cotiás e procura facilitar unha aprendixaxe transformadora que busca o cambio persoal e familiar a través da incorporación de actitudes, hábitos e condutas favorecedoras da autoestima e benestar persoal, ofrecerá dous cursos neste verán.
A concelleira de Igualdade, Marga Martín, e a coordinadora do espazo, Berta Vega, presentaron a programación do espazo en xullo e agosto, en dúas actividades que abren o prazo de inscrición mañá 17 de xuño.
Ofrécense, por unha banda, actividades de verán en xullo e agosto, a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos e as súas familias. Os interesados e as interesadas poden inscribirse directamente na Concellería de Igualdade en horario de 10:30 a 13:30 h.
Así mesmo, entre o 21 e o 31 de xullo haberá unha actividade de “Masaxes en familia”, destinados a nais, pais, fillas e fillos de 1 a 12 anos. Para esta actividade, a inscrición pode formalizarse na Concellería de Igualdade ou por teléfono, no 988393191.
Mediante o Espazo Coeduca, a Concellería de Igualdade pretende crear un espazo de aprendizaxe lúdico e creativo, onde se desenvolvan actividades que posibiliten que nenos e nenas se sintan protagobistas do seu propio proxecto vital. Tamén se ofrece un espazo alternativo e igualitario de aprendizaxe e lecer, adaptado ás necesidades e aos tempos das familias, así como á súa conciliación.