Cultura

A Deputación de Ourense organizan a “I Semana Ourensá de Análise política”

Este ciclo de conferencias, centrado nas visións e perspectivas da organización territorial do Estado, celebrarase do 8 ao 12 de abril, ás 20.00 horas, na antiga biblioteca no Pazo Provincial

Óscar Gómez

Ourense |

Manuel Baltar e Carlos Mella | Deputación de ourense

A Deputación de Ourense e a Fundación Castelao organizan a “I Semana Ourensá de Análise Política” centrada nas visións e perspectivas da organización territorial do Estado. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar dixo que esta iniciativa forma parte “do ADN da institución provincial no que se atopa o amor a Galicia e á nosa identidade, posto recentemente de manifesto coa exposición de A derradeira leición do mestre no edificio de goberno da Deputación e a aprobación plenaria da reivindicación do Día da Galicia Mártir”.

Nese escenario –explicou Manuel Baltar- abrimos unha liña de colaboración coa Fundación Castelao e coa Fundación Alexandre Bóveda e, en concreto, co presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, acordamos celebrar esta Semana Ourensá de Análise Política “onde terá cabida o debate e a opinión de expertos no ámbito das ciencias políticas sobre temas territoriais e identitarios nos que este goberno quere colocarse sempre á vangarda”.

“Pechamos unha semana onde Ourense foi a capital das industrias culturais e creativas coa celebración da quinta edición da “Ourense ICC Week” e comezamos outra semana onde a identidade política terá protagonismo de seu en Ourense”, salientou o presidente do goberno provincial.

Programa

Este ciclo de conferencias desenvolverase do 8 ao 12 de abril, ás 20.00 horas, na antiga Biblioteca no Pazo Provincial, e comezará mañá luns, 8 de abril, con Javier Pérez-Royo, quen analizará a cuestión da “Constitución 40 anos despois. Problemas e solucións”. Ao día seguinte, será a quenda para a “Vindicación da España constitucional” da man de Roberto Blanco Valdés. O mércores, 10 de abril, Francisco Rodríguez analizará “A España soberanista” e, ao día seguinte, o 11 de abril, tocaralle a Ramón Villares abordar a cuestión da “Análise e Perspectivas. O caso catalán”. Por último, o venres, 12 de abril, como peche a esta semana de análise política, Xusto Beramendi falará do “Nacionalismo e federalismo na España actual”.