A Deputación de Ourense inaugura na estación de Santa Cruz de Arrabaldo o Museo “Estanislao Reverter”

Estará ubicado na estación de Santa Cruz de Arrabaldo e permitirá manter viva neste espazo expositivo a memoria deste destacado piloto de rallys, medalla o Mérito Deportivo de Galicia, falecido en 1991.

ondacero.es

Ourense | 11.06.2014 13:19

manuel baltar en el café de redacción
manuel baltar en el café de redacción | onda cero

Na estación de ferrocarril de Santa Cruz de Arrabaldo será inaugurado este mércores 11 de xuño o Museo “Estanislao Reverter”, un espazo que acollerá, grazas ao convenio de colaboración asinado entre o Inorde e a Fundación “Estanislao Reverter” o legado deste destacado piloto de rallys, medalla ao Mérito Deportivo de Galicia, falecido no ano 1991. O acto de inauguración contará coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Fundación “Estanislado Reverter”, Luis Reverter Gil; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e familiares e amigos de Reverter así como representantes do ámbito do motor de Ourense e Galicia.

A posta en marcha do museo neste espazo expositivo fíxose realidade trala adecuación da antiga estación de ferrocarril de Santa Cruz de Arrabaldo, por medio do convenio de colaboración sociocultural entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

En canto ao contido do museo, a Deputación de Ourense –a través do Inorde- comprométese a ter en depósito e exhibir no centro que esta tarde se inaugura as distincións acadadas por Estanislao Reverter ao longo da súa traxectoria deportiva. O obxectivo do acordo de colaboración é promocionar e fomentar a figura de Estanislao Reverter Sequeiros para o cal a fundación entrega en depósito á Deputación de Ourense a colección de trofeos e outros obxectos persoais (revistas, libros, etc.) que figuran no inventario que a todos os efectos forma parte do contrato que foi entregado pola fundación. Asemade, o museo acolle placas e programas de rallys, rutómetros, réplicas en miniatura dos coches de Reverter, cascos e obxectos cedidos por diferentes persoas que tiveron relación con Estanislao. Tamén conta cun espazo dedicado ao equipo de Reverter Competición e ao Rally de Ourense. O museo poderá visitarse os mércores e xoves pola tarde e os fins de semana en horario de mañá e tarde.

Aparte deste acordo, Deputación e Fundación “Estanislao Reverter” están a estudar a posibilidade de recuperación do mítico automóbil “Alpinche”, co que Reverter participou en numerosas probas nacionais e internacionais.

Estanislao Reverter, piloto de rallys, creador da Escudería Ourense e do Rally de Ourense, foi ademais promotor de xóvenes talentos, preparador e construtor do “Alpinche”. É un dos deportistas galegos máis importantes do século XX. Da súa longa traxectoria como piloto cómpre salientar as súas 54 vitorias absolutas en probas de diferentes especialidades (rallys, circuítos e montaña); 12 participacións no Rally de Montecarlo, e as súas 2 vitorias no Rally de España-RACE.