A área de Igualdade da Deputación de Ourense homenaxea no seu programa “8M, Mes a Mes” ás traballadoras que estiveron en primeira liña durante a vaga de lumes deste verán en Ourense. Dentro desta iniciativa que cada mes visibiliza a un colectivo ou sector de mulleres referentes na provincia, a institución ourensá decidiu que setembro fose o mes dedicado ás técnicas, capataces, emisoristas, axentes, brigadistas e demais traballadoras implicadas na extinción de incendios. “Queremos brindar unha homenaxe con perspectiva de xénero ca figura de Noelia Conde Míguez, xefa de brigada forestal en Azureira, no Distrito Forestal XII, e con orixe no Carballiño”, explican dende a área e Igualdade, que seleccionaron o lema “O lume non entende de teitos de cristal” para esta homenaxe. Sendo varios os anos que Noelia Conde leva traballados como Xefa de Brigada, esta profesional asegura que o vivido nesta campaña foi diferente: “Este verán, Galicia ardeu como poucas veces na historia. Detrás de cada cifra hai rostros, bágoas, decisións urxentes e un esforzo colectivo”, traslada esta profesional. A capataz defende que o liderado non entende de xénero, “senón de compromiso, preparación e empatía”.
A Deputación de Ourense homenaxea ás mulleres que loitaron contra o lume
Personifican o 8 M mes a mes en Noelia Conde

