O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro coa dirección da compañía Teatro Sarabela, referente das artes escénicas en Galicia e especialmente na provincia, co obxectivo de intercambiar impresións sobre a situación actual do sector e explorar posibles liñas de colaboración entre a institución provincial e esta formación teatral.
Durante a reunión abordáronse diferentes cuestións relacionadas coa promoción da cultura, o apoio ao talento creativo local e o papel do teatro como ferramenta de cohesión social, dinamización cultural e proxección exterior de Ourense. O presidente provincial puxo en valor a traxectoria de Teatro Sarabela, destacando a súa contribución ao panorama cultural galego e o seu compromiso coa creación contemporánea e coa formación de públicos.
Luis Menor subliñou a aposta da Deputación por fortalecer o tecido cultural da provincia, apoiando iniciativas “que achegan a cultura á cidadanía, favorecen o acceso á creación artística e consolidan Ourense como un territorio activo e innovador no eido cultural”.
Pola súa banda, os representantes de Teatro Sarabela agradeceron a receptividade da institución provincial e trasladaron diferentes propostas orientadas a impulsar proxectos escénicos, actividades de mediación cultural e accións que permitan achegar o teatro a novos públicos en distintos puntos da provincia.
Este encontro enmárcase na rolda de contactos que a Deputación de Ourense está a manter con axentes culturais da provincia, co fin de escoitar as súas necesidades, recoller propostas e avanzar nunha estratexia cultural compartida.

