O Concello proporcionará formación a 70 desempregados en asistencia, comercio e seguridade

As accións formativas darán comezo o 1 de setembro con cursos de coidados de persoas con discapacidade, vixiante de seguridade, técnicas de venda e habilidades comerciais e curso de barman.

ondacero.es

Ourense | 09.07.2014 13:03

Agustin Fernandez café redaccion
Agustin Fernandez café redaccion | Onda Cero


O Concello de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia, porá en marcha un programa integrado de emprego e formación dirixido a persoas demandantes de emprego na cidade, que dará cobertura a 70 desempregadas ou/e desempregados, que participarán en accións formativas a partir do 1 de setembro deste ano, en asistencia, comercio e seguridade, en diferentes cursos coma coidador ou coidadora de persoas con discapacidade física ou psíquica, vixiante de seguridade, curso de técnicas de venda e habilidades comerciais ou curso de barman.


Este programa, “Programa Integrado Ourense” será xestionado polo Concello e está subvencionado polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e ten coma obxectivo a reciclaxe profesional das persoas desempregadas e a mellora da empregabilidade das persoas despedidas, garantindo unha inserción laboral do 35% dos e das participantes.


Dende este 8 de xullo, no Centro de Iniciativas Empresariais sito na rúa Padre Feijóo, 1, poden solicitar unha praza nos cursos todas aquelas persoas empadroadas en Ourense que estean inscritas coma demandantes nas oficinas de emprego de Ourense e serán candidatos ou candidatas prioritarias as persoas perceptoras de prestacións e subsidios que acrediten pertencer aos seguintes colectivos vulnerables:

- Persoas con discapacidade superior ao 33%

- Persoas desempregadas en risco de exclusión social

- Mulleres desempregadas que acrediten a condición de violencia machista

- Mulleres

- Menores de 30 anos

- Desempregados ou desempregadas de longa duración

- Inmigrantes

- Desempregados ou desempregadas coma consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extinto

Formación individualizada

Os proxectos deseñan un itinerario integral e individual para os participantes, nos que se combinan diferentes eixos de actividade: información, orientación, formación, asesoramento, intermediación coas empresas, prácticas ou inserción.No marco destas actuacións, a formación é clave, de xeito que os programas inclúen dunha banda, información especializada, que prepara aos alumnos e ás alumnas para un traballo concreto, e a transversal, que ofrece competencias de gran utilidade como a elaboración dun currículo, a informática e o autoemprego.