O Centro Termal das Burgas adaptará o seu horario ás altas temperaturas estivais da cidade. Así, desde este sábado 14 de xuño abre unha hora antes pola mañá (ás 9 horas en vez de ás 10), e a partir das 18 horas pola tarde (en vez de ás 17 horas).
Así, os horarios de apertura desde mañá sábado serán de 9 a 13 e de 18 a 21 horas, de martes a domingo (os luns permanece pechado por motivos de limpeza).
O Centro Termal das Burgas, que consta de piscina de auga termal e sauna húmida, leva en funcionamento dende xullo de 2010, e permite aos usuarios gozar das augas bicarbonatadas sódicas, fluoradas, litínicas e hipertermais, cunha temperatura de 64 graos en manancial e 38 graos para o baño. As augas son indicadas desde un punto de vista terapéutico para afeccións dermatolóxicas e reumatoloxía.