Universidad

Baltar propón o premio "José Manuel Pérez Canal”

Con esta edición de 2018 van xa seis edicións nos que a Deputación de Ourense colabora na publicación dos traballos de Fin de Grao premiados, este ano referidos a estudos sobre viños, recursos turísticos, renda e á muller na empresa familiar

ondacero.es

Madrid | 20.11.2018 14:09

Manuel Baltar
Manuel Baltar | onda Cero Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na entrega dos VI Premios de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense – Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo de Ourense, un acto no que propuxo que estes galardóns do campus de Ourense pasen a denominarse “Premios José Manuel Pérez Canal”, na honra do presidente da CEO, recentemente falecido. Baltar destacou que sería “unha xusta homenaxe a unha persoa conciliadora e que cría en Ourense, para seguir lembrando a súa figura, un espello para todos os que nos sentimos orgullosos da nosa provincia”.

O presidente do goberno provincial remarcou a importancia destes premios, “que unen talento e formación, e cuxos traballos premiados son un excelente exemplo para posicionar a Ourense no ámbito humano, técnico e dos recursos endóxenos”, dixo, subliñando a importancia de investigar e seguir innovado nos ámbitos que caracterizan áprovincia de Ourense, entre os que citou como exemplo o termalismo “como elemento tractor, e onde contamos con doce vilas termais e cun plan específico, único en España neste sector”, ademais de citar a Tecnópole como “a contorna empresarial con maior porcentaxe de emprego universitario vinculado á innovación”, e “a nosa pertenza á asociación de gobernos provinciais de Europa “Partenalia” ou a rede termal europea, ámbitos que nos posicionan internacionalmente”.

Con esta edición de 2018 van xa seis edicións nos que a Deputación de Ourense colabora na publicación dos traballos de Fin de Grao premiados, este ano referidos a estudos sobre viños, recursos turísticos, renda, e á muller na empresa familiar. No acto, que tivo lugar na Aula Magna “José Ángel Valente” da FCETOU, participaron tamén a vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas; a decana da facultade de Empresariais e Turismo, Elena Rivo; o decano do Colexio de Economistas, Guillermo Díez, e o director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste, quen ofreceu un relatorio sobre a súa experiencia nesta compañía do sector agraolimentario e de distribución.

Como colofón ao acto tivo lugar a entrega dos galardóns de Fin de Grao, unha convocatoria na que colabora anualmente a Deputación de Ourense. O primeiro premio no Grao en ADE foi para Roberto Graña Álvarez polo traballo “La distribución de la renta en España durante el siglo XXI. Un estudio comparado”, e os accésit neste grao foron para Anabel Manso Santos por “Estudio de la relación entre coste de producción, precio e venta y calidad percibida del vino”, y para María López García por “Análisis de la presencia de la mujer en los consejos de administración de las empresas familiares”. No que atinxe ao Grao en Turismo o primeiro premio foi para Sara Lusquiños Hermida polo traballo “Turismo científico: os recursos naturais científicos na provincia de Ourense”, sendo o accésit nesta apartado para Yésica Pallas Cancela por “Accesibilidade nos recursos turísticos de Ourense”.